O popular insistiu en que “dous meses é tempo suficiente para declarar a emerxencia, reconstruír e rehabilitar, é o que eu faría como alcalde”, e reiterou que “a responsabilidade deste muro é 100% do Concello, non pertence a ningunha outra administración: a propiedade é do Concello e a solución ten que vir da alcaldesa e do seu equipo de goberno”.
COMPARATIVA CON LUGO
Durante a súa intervención, Verea puxo un exemplo “moi gráfico” que, ao seu xuízo, evidencia a diferenza na xestión: “na mesma época na que caeu o muro de Bonaval, caeu tamén un tramo da muralla de Lugo”.
“Dous ou tres días antes caeu a muralla de Lugo, e hoxe está perfectamente reconstruída e rehabilitada. Ás 48 horas xa había técnicos traballando”, explicou.
“Por que en Lugo se pode comezar a actuar en días e en Santiago, despois de dous meses, non sabemos absolutamente nada do muro de Bonaval?”, preguntouse, ao tempo que cuestionou: “declararon a emerxencia? teñen tan sequera un proxecto? sabemos canto pode custar rehabilitar o muro?”.
Verea lembrou que “a Muralla de Lugo é responsabilidade e propiedade 100% da Xunta de Galicia, mentres que o muro de Bonaval é propiedade e responsabilidade 100% do Concello de Santiago”, e concluíu que “se se pode facer en Lugo ante unha situación semellante, moito máis debería poder facerse aquí”.
TURISMO E OCUPACIÓN HOTELEIRA
O líder popular enmarcou esta situación nun contexto máis amplo de “datos alarmantes” no ámbito turístico. “Desde o verán pasado, desde mediados de xuño, hai unha caída na ocupación hoteleira en Santiago, con meses nos que chega ao 8% e ao 10% anual, mentres outras cidades medran, nomeadamente A Coruña”, indicou.
“A pregunta é clara: por que A Coruña medra en ocupación hoteleira sen ter unha industria turística como a nosa, sen ser un referente como Santiago? Eles medran e nós caemos”, afirmou.
Verea lembrou que “Ryanair marchou en novembro, pero a caída vén de meses antes”, polo que considera que “hai responsables claros”.
“Ninguén pode negar que desde o minuto un, o goberno de Goretti Sanmartín, de BNG e CA, puxo o foco negativo sobre os visitantes, falando de turismo excesivo, de que o turismo molestaba ou de que había demasiada xente”, sinalou.
Neste sentido, criticou que “se creou un relato irresponsable no que o turismo era visto como algo negativo, algo que había que controlar ou incluso educar”, e puxo como exemplo “medidas como poñer persoas no casco histórico cun sonómetro para medir o ruído dos turistas”.
“Iso retrata perfectamente a irresponsabilidade dun goberno que non cría no turismo”, asegurou.