Unha das maiores críticas de Verea foi á recente medida de aumentar o IBI en propiedades baleiras, unha estratexia que, segundo el, non incentiva realmente o alugueiro de vivendas. «Non funcionará, porque os propietarios que non teñen necesidade económica non alugarán o piso por subirlles o IBI,» afirmou. En lugar diso, propuxo unha solución alternativa: a creación dunha bolsa pública de alugueiro a través da cal o Concello asumiría o alugueiro destas vivendas para poñelas a disposición de familias e xente nova. «A través dunha bolsa pública, Santiago podería garantir máis vivendas dispoñibles a prezos accesibles,» argumentou, destacando tamén a importancia de rehabilitar vivendas en mal estado a cambio da súa inclusión nesta bolsa.

Verea denunciou o colapso administrativo no Concello de Santiago, que afecta tanto á tramitación de licenzas como aos tempos de pago a provedores. «Estamos ante un colapso de xestión. Santiago é o Concello que máis tarda en pagar facturas e en dar licenzas,» afirmou. Ademais, subliñou a falta de melloras en servizos básicos como limpeza urbana e transporte, a pesar de que o Concello ten o maior orzamento da súa historia. «Para que queren tantos cartos se non saben que facer con eles?» cuestionou, facendo un chamamento á necesidade dunha xestión máis eficiente e transparente.
Xa na recta final, o líder dos populares na capital galega tamén explicou algúns dos proxectos que propón para a cidade, entre eles a senda de Conxo e un aparcadoiro no CHUS. «Estou orgulloso de traballar en proxectos que melloren a cidade, aínda sen ser o alcalde,» declarou. Sobre a súa aspiración á alcaldía, Verea destacou a importancia de traballar con paciencia e sen caer na frustración, confiando en que o Partido Popular obterá unha maioría absoluta nas próximas eleccións.
A entrevista completa, no seguinte enlace.