Neste sentido, puxo cifras á situación: “Oito mil cidadáns tiveron que pasar por este campamento improvisado nestas semanas para renovar o DNI e o pasaporte”. “Oito mil persoas facendo cola á intemperie, sen posibilidade de sentarse e sen as mínimas condicións de intimidade”, engadiu.
A estas cifras súmanse outras 4.000 persoas atendidas nun espazo provisional fronte á comisaría, “nun lugar diminuto no que se mesturan situacións completamente distintas, desde unha nai cun neno pequeno ata persoas detidas pendentes de declaración”.
Para Verea, esta situación supón “unha auténtica falta de respecto” e evidencia “a total desconexión de Goretti Sanmartín coa cidade”. “É un problema que ten diante do seu nariz. Non hai que buscalo lonxe”, subliñou.
Ademais, denunciou que a alcaldesa “nin sequera é quen de recibir aos traballadores da Policía Nacional, que levan semanas pedindo unha reunión”, lamentando que “non tivera nin un minuto para atendelos, nin sequera para escoitalos”.
“A única solución que se está ofrecendo desde o Ministerio do PSOE e o Concello do BNG é manter este campamento indigno á intemperie que se prolonga no tempo”, criticou, engadindo que “para o que parece que non hai problema de espazo é para a súa ideoloxía”.