O líder popular recoñeceu que a seguridade é unha responsabilidade compartida entre o Concello e o Ministerio, pero sinalou que a súa proposta se centra nas competencias municipais.
“Que pode facer o Concello dentro das súas competencias? Que lle propoñemos á alcaldesa?”, preguntou, lembrando que este é un debate que xa trouxeron en varias ocasións pero que agora queren concretar “nunha medida clara, medible e cuantificable”.
“Estamos a falar das cámaras de videovixilancia. Propoñemos instalar máis cámaras de videovixilancia, incrementar o parque de cámaras da cidade e dotalas dos medios necesarios para que poidan gravar imaxes útiles para a prevención, a investigación e o esclarecemento de delitos”, explicou.
Segundo indicou, trátase dunha medida que depende dunha decisión política do Goberno de BNG e CA.
Verea criticou que habitualmente os nacionalistas rexeiten esta proposta alegando cuestións de intimidade, algo que non comparte: “Entendemos que iso non é así, que si son útiles e necesarias”.
Neste sentido, lembrou que “a propia Policía Nacional trasladou hai uns días a necesidade de instalar máis cámaras e de que estas graven imaxes”, e que “en moitas outras cidades está demostrado que alí onde se instalan, redúcese a delincuencia”.
O líder popular asegurou que agarda coñecer o posicionamento do Goberno do BNG e de CA sobre esta proposta.
COMISARÍA Á INTEMPERIE
Durante a súa intervención, Verea tamén criticou a actuación do executivo local ante a situación da Policía Nacional tras o incendio da comisaría.
“Señora Sanmartín: o seu goberno di que lle preocupa e que comparte a preocupación polo incremento da inseguridade, pero a realidade di todo o contrario”, afirmou.
Neste sentido, puxo como exemplo a situación na Praza do Obradoiro, onde se instalou un servizo provisional: “Temos o mellor exemplo aquí, na Praza do Obradoiro: un campamento á intemperie con dúas furgonetas que vostede ve todos os días cando entra en Raxoi”.
Verea referiuse ás colas de veciños e veciñas: “Sabe cantas persoas fixeron cola á intemperie? Máis de 8.000. Día tras día. Con chuvia e sen chuvia”.
Así mesmo, preguntou directamente á alcaldesa: “Fixo vostede algo? Fixo vostede algo?”.
O dirixente popular criticou tamén que non se atendese aos representantes dos traballadores da Policía Nacional: “Porque nin sequera recibiron aos representantes dos traballadores. Non é que non os recibisen. É que nin sequera responderon á súa solicitude de reunión”.
Ademais, subliñou que esta falta de resposta se produciu malia que o Goberno de BNG e CA coñecía perfectamente a situación: “Vostedes víanos entrar e saír de Raxoi todos os días, a poucos metros, e non tiveron nin a mínima educación de responder”.
Neste contexto, preguntou: “Por que non recibiu vostede a uns traballadores que lles estaba pedindo amparo? Por que non lles responderon?”.
“Esa é a preocupación que teñen pola seguridade?”, cuestionou.
Verea agradeceu ao concelleiro de CA que recoñeza que “os datos non son bos e que está preocupado”, aínda que botou en falta “un debate máis amplo sobre as cámaras de videovixilancia”.
“É un debate lexítimo. Nós estamos a favor, vostedes están en contra. Pero por que?”, afirmou.
O líder popular concluíu defendendo que estas medidas son útiles e non afectan á intimidade: “Axudan a previr delitos e tamén a investigalos, e as imaxes só poden ser consultadas con autorización xudicial”.
Finalmente, lamentou que este debate non se producise no pleno: “Gustaríanos que este debate puidese terse producido nesta sesión plenaria”.