Programación do foro
Dito foro está organizado polo Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia. O evento será emitido en directo por streaming, a través da canle de YouTube, Facebook e da páxina web de La Voz de Galicia.
A apertura do foro será ás 11.00 horas a cargo do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e de Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, psicóloga/o e coordinadores de programas de CoidadosAmente.
De seguido, ás 11.20 horas haberá unha mesa política sobre “A importancia da implicación municipal na saúde mental” na que participarán as alcaldesas de Silleda, Paula Fernández; de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e da Coruña, Inés Rey. Ás 12.00 horas está previsto que haxa unha pausa.

Posteriormente, ás 12.30 horas realizarase unha mesa redonda sobre “Saúde mental e deporte” na que participarán persoas relevantes no eido deportivo como Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro CAB durante 14 tempadas, 13 delas de xeito consecutivo na máxima categoría do baloncesto español. Na temporada 2012-2013 conseguiu o mellor resultado da historia do Obradoiro CAB, ao rematar na oitava praza da liga, conseguindo así meterse nos play-offs polo título. Borja Golán, que está considerado o mellor xogador da historia do squash español; e Esther Pedrosa, atleta importante do atletismo galego que se dedicou sobre todo ao gran fondo (distancias superiores aos 5 quilómetros) e compite tanto en pista como en circuítos de cross.
O peche institucional e clausura do evento será ás 13.15 horas. No acto de peche participará o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Outras iniciativas sobre saúde mental
Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.