A sinatura dun novo convenio coa Asociación Acougo, co obxectivo de fomentar o acollemento familiar de menores en situación vulnerable.
A ampliación do servizo de conciliación TeoMadurga en dúas escolas unitarias do CRA de Teo.
Cultura, turismo e comercio
O departamento de Cultura incrementa a súa partida ata os 780.000 euros, reforzando as accións de protección do patrimonio histórico-artístico.
En turismo e comercio, mantéñense as liñas de promoción e a axenda anual de eventos. O Concello tamén ultima unha guía de negocios locais, que verá a luz ao longo de 2026.
Deporte, mocidade e educación
As contas inclúen 200.000 euros para o cambio do céspede do campo municipal do Rebordelo. Tamén se reforzan os campamentos xuvenís e amplíase a oferta formativa con cursos de informática, linguaxe de signos, talleres variados e defensa persoal.
No eido educativo prevese un aumento das subvencións ás ANPAS e aos centros, ademais de continuar coas melloras estruturais. En 2025 xa se actuou en climatización de escolas infantís, substitución do portalón no CEIP Os Tilos ou instalación de videoporteiros nas cinco escolas do CRA.
Reforzo de persoal municipal
O orzamento incrementa as prazas na Policía Local e incorpora novos postos en Urbanismo, Contratación, Recursos Humanos, Informática e no Servizo de Augas, ademais da funcionarización dunha praza de auxiliar administrativo conforme á normativa estatal.
Tamén se recollen as previsións de incremento salarial e os Fondos de Acción Social para persoal funcionario, laboral e subrogado.
Contas realistas e con superávit
O Executivo local destaca que se trata dun orzamento elaborado baixo criterios de prudencia, eficacia e eficiencia. Desde o inicio do mandato, a débeda viva reduciuse de 3,4 millóns a menos de 1,8 millóns de euros, un descenso de máis de 1,6 millóns.