Teo (A Coruña), 25 de maio de 2024.- A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, presidiu esta tarde no auditorio municipal Constante Liste o acto de nomeamento de Paula Carballeira, Manuel Quintana Martelo e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe como fillos e filla adoptivos de Teo. Un acto que premiou as contribucións dos galardoados ao mundo da cultura en xeral e que “achegan unha singularidade adicional ao Concello de Teo coas súas achegas ao mundo das belas artes, do turismo e da literatura”, salientou a rexedora municipal.
A alcaldesa puxo de manifesto no seu discurso que “estas mencións permiten vencellar directamente Teo coa cultura, dando a coñecer este Concello ao resto do mundo”. Por iso, engadiu, cómpre “preservar o legado destes ilustres veciños”, vencellados para sempre desde hoxe ao municipio teense.
Precisamente, esas mencións permitirán tamén poñer en valor toda esa contribución entre as xeracións presentes a as futuras, promovendo o patrimonio cultural galego entre a veciñanza e potenciando os grandes tesouros de Galicia. Polo tanto, “non hai mellores embaixadores para o Concello de Teo que eles”, remarcou Lucía Calvo de la Uz, quen insistiu en que “son un claro exemplo de traballo, esforzo e constancia”.
O acto de entrega destas distincións, que estivo amenizado polo cantautor Manoele de Felisa e incluíu a actuación do grupo Música en mis Manos, contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; ademais de directores xerais da Xunta de Galicia, alcaldes de concellos veciños como Boqueixón, Rois, Oroso, O Pino e Trazo. Tamén estiveron artistas e deportistas de elite, así como deputados e gran parte da Corporación Municipal, coa presenza dos concelleiros que conforman o equipo de goberno e representantes do PSOE e BNG de Teo.