A primeira delas é a denominada «Son Xove», que estará protagonizada polas bandas que utilizan os locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga. María Rozas explicou que «con este programa procuramos un dobre obxectivo: contribuir á dinamización do Ensanche, e promocionar o talento mozo e local, do que temos que estar moi orgullosas». A concelleira salientou que «para as bandas que forman parte do cartel é unha gran oportunidade poder tocar nun espazo como a Praza Roxa, onde se poderán dar a coñecer entre un público moi heteroxéneo».
O «Son Xove» desenvolveráse todos os venres de decembro, con dúas actuacións en cada xornada, a primeira ás 20.00 e a segunda ás 21.00 horas. O programa arrancará o día 1, con dúas bandas que combinan o rock e o punk, Liskadakí e Killo Karallo. O 8 de decembro será o turno de Abella e Filloas; e o 15 tocarán Funky Kongs e Boa Sunet. Xa no 22 de decembro, será o turno de Las Sinsen e Ulex. Por último, para o 29 de decembro está prevista unha Jam de Nadal, que comezará ás 20.00 horas e na que participarán usuarios e usuarias dos locais de ensaio do Centro Xove.
En canto ao «Son Vermú», é a proposta da concellaría de Promoción Económica e Comercio para dinamizar as mañás dos sábados de decembro no Ensanche, con música na Carpa Roxa desde ás 13.00 horas. Na primeira sesión, o 2 de decembro, poderemos escoitar a Espiño, o proxecto do coñecido músico compostelán Alfonso Espiño que, tal e como el explica, combina pop art, rock progresivo, folk e psiquedelia. Ao sábado seguinte, 9 de decembro, pola Carpa Roxa pasará Sheila Patricia, unha das voces que se teñen convertido en referencia en Galicia. O 16 de decembro o escenario da Praza Roxa será para a banda cubano-galega La Yuca Funk, e a pontevedresa Helena Egea, que vén de publicar o seu primeiro single, tomará o relevo o día 23. O «Son Vermú» pecharase o 30 de decembro coa actuación de Pauliña, outro nome xa consolidado do panorama musical galego, con tres albums publicados nos que mestura o folk, o rock e o blues.
Xogos, atraccións e outras actividades
Ademais das actuacións musicais, a Carpa Roxa acollerá outras actividades ao longo de todo o mes, desde baile tradicional a cantos de Nadal, pasando por obradoiros infantís ou unha sesión de contacontos en inglés para crianzas a partir de 3 anos, que se celebrará o 7 de decembro.