A Baña. 3-5-2026.- Soledad Leiro e Amador Pena proclamáronse gañadores da proba de 10 quilómetros na II Carreira Popular da Baña que se celebrou esta mañá con récord de participación, ao contar con 368 persoas inscritas. Na proba de 5K os máis rápidos foron Irene Mirás e Eloy Castro.
O alcalde, José Antonio Pereira; a concelleira de Deportes, Ana Pensado, e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, foron os encargados de dar a saída e entregar os premios nas diferentes categorías.
Amador Pena (34:39), do Atletismo Obradoiro, non lle deu opción aos seus rivales na 10K ao sacarlle na meta oito segundos a Cristóbal Dios (34:47, C.A. A Estrada), despois dunha primeira volta ao circuíto na que ambos atletas marcaron o ritmo da carreira. O terceiro posto foi para Bruno Castro, do Corrrexallas, que rematou nun tempo de 35:00.
Na categoría feminina Soledad Leiro (40:20, SD Compostela Atletismo) tamén amosou a súa superioridade ao cruzar na meta con 48 segundos de vantaxe sobre a súa compañeira de equipo Nuria Mejuto (42:08) e de Alba Muñiz, da Asociación Running Team, que remataou nun tempo de 42:50.
Os mellores atletas da Baña na 10K foron Paula Paredes (43:01) e José Suárez (36:44), que subiron ao podio xunto a Lara Vieito Mira (56:05), Xandra Rodriguez (57:25), Marcos Paredes (45:09) e Antonio Barreiro (45:31).