Baixo lemas como “Desde a Ulloa ata o mar, defendemos o noso futuro” ou “Altri non, fóra xa”, a mobilización evidenciou un amplo rexeitamento cidadán a un proxecto que moitos consideran unha ameaza ambiental, social e económica para Galicia. Unha protesta marcada polo compromiso colectivo e pola mensaxe clara de que, cando o pobo se organiza, faise escoitar.
Á marcha sumáronse representantes do PSdeG e do BNG, que confirmaran previamente a súa presenza. Desde o Partido Socialista, a secretaria de Organización, Lara Méndez, fixo un chamamento á militancia para participar no que definiu como “un exercicio de dignidade colectiva fronte a un modelo industrial que non responde ás necesidades do país”. Méndez asegurou que o PSdeG “estará ao lado da cidadanía e do territorio”, defendendo un desenvolvemento industrial baseado no respecto á saúde pública, á auga, aos montes e á biodiversidade, así como na creación de emprego digno.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a converter a protesta nunha auténtica “marcha de dignidade” para dicir “alto e claro: Altri non, Galiza si”. A líder nacionalista acusou á Xunta de Galicia de actuar “como comercial da multinacional” e de pretender impoñer “unha bomba ambiental no corazón do rural galego”, hipotecando o futuro da comarca da Ulloa, da ría de Arousa e do conxunto do país.