O alugueiro é o que tensiona o mercado
Lestegás explicou que, tal e como adiantou nunha intervención no pleno de xullo, os resultados definitivos do estudo “confirman que o que máis tensiona o mercado residencial en Santiago de Compostela é o alugueiro”. O concelleiro de Vivenda tamén explicou que o estudo detectou que o tensionamento producido tanto polo peso da hipoteca como polo peso do alugueiro na renda dos fogares é maior nas zonas do noso municipio que teñen menores niveis de renda. Por tanto, Lestegás advertiu que hai “unha relación directa entre tensionamento do mercado residencial e vulnerabilidade socioeconómica”.
Unha vez que contamos coa diagnose, indicou Lestegás, «o departamento de Urbanismo e Vivenda elaborará o proxecto de plan específico coas medidas correctoras que a Xunta esixe que redacten os concellos, pese a que a lei polo dereito á vivenda no seu artigo 18 di que debe facerse cargo da súa redacción ‘a administración competente’”. En todo caso, o goberno de Santiago fará este proxecto e, en canto estea rematado, constituirá a mesa sectorial de vivenda, previsiblemente no primeiro trimestre do ano.
«A declaración dun ámbito territorial como zona de mercado residencial tensionado implica tamén a realización dun trámite de información no que deberá poñerse a disposición pública a información sobre a que se basea tal declaración, que conforme á normativa da Xunta será despois da mesa sectorial», engadiu o edil. Deste xeito, o Concello someterá a información pública a diagnose realizada polo Grupo de Estudos Territoriais para que sexa consultada.
Lestegás incidiu en que o proceso “non é sinxelo” e que a Xunta “quixo complicalo aínda máis” cos requisitos que se lles puxeron aos concellos. Non obstante, defendeu que o Concello de Santiago avanza “de acordo coa folla de ruta prevista, realizando con rigor os sucesivos trámites esixidos por outras administracións e seguirá dando todos e cada un dos pasos necesarios para solicitarlle formalmente a declaración do municipio na súa totalidade como zona de mercado residencial tensionado”.