Neste sentido, a alcaldesa lembrou outras medidas impulsadas nestes doce meses de Goberno, como a posta en marcha do Rexistro de Soares, o impulso dunha empresa pública de vivenda para revitalizar e impulsar o uso residencial do parque de vivenda actual; a disposición para cederlle á Xunta dúas parcelas para a construción de vivenda pública, ou os avances para que Santiago conte cunha taxa turística. Ao respecto, Goretti Sanmartín explicou que en próximas datas enviarase a proposta da chamada taxa turística ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un imposto que, dixo, Eé un clamor social».
Mobilidade e Políticas Sociais
Na comparecencia de hoxe, a alcaldesa tamén fixou como reto «avanzar nas políticas transformadoras en materia de mobilidade», e lembrou que «xa demos pasos importantes neste sentido nestes doce meses, para termos un novo contrato que introduzca novidades importantes como as conexións ao rural ou o bus nocturno». Nese sentido, María Rozas tamén lembrou que «neste tempo conseguimos renovar parte da flota e impulsar unha liña lanzadeira ao aeroporto, á espera de ter resolta unha licitación que todas sabemos que é complexa porque é un dos contratos máis importantes do Concello de Santiago».
O goberno destacou os retos do futuro enmarcados nos eixos do mandato: un pulo polo social, a vivenda, a transformación da cidade, os servizos para o rural, os equipamentos e a conversión de Santiago nun motor económico de referencia en toda Galiza. A alcaldesa, ademáis, destacou o feito de ter aprobados os orzamentos e agradeceu, neste sentido, o apoio do PSOE.
A tenenta de alcaldesa tamén quixo salientar os avances en materia social, «como o incremento do 40% no orzamento das bolsas de comedor escolar, ou dun 70% no orzamento do Servizo de Axuda no Fogar», e no que tén que ver coa participación «coa recuperación de Consellos Municipais que levaban anos sen reunirse, como o de Educación ou o de Cooperación ao Desenvolvemento, ou tamén dos Orzamentos Participativos na área de Xuventude».