No documento rexistrado tamén se solicita darlle continuidade, no subtramo 5, ao carril bici que xa existe ao longo da rúa de Clara Campoamor. Iago Lestegás incidiu en que non ten sentido duplicar unha infraestrutura que xa existe e non é necesario substituír un camiño de xabre por unha plataforma de formigón “impropia do contexto en que se pretende implantar e que tería unha afección importante no ecosistema fluvial”. Apostou por integrar o trazado da senda no sistema viario urbano, que reforzaría o seu carácter de infraestrutura para o fomento da mobilidade sostible, como recollen as alegacións. Neste sentido, o documento sinala que isto obrigaría a reformular a rotonda do Restollal para integrar en condicións de seguridade os cruces de camiñantes e ciclistas. A decisión de manter a senda por debaixo da glorieta do Restollal obriga a forzar os trazados e duplicar o carril bici invadindo as brañas pola imposibilidade de acadar a cota da rúa Clara Campoamor ao inicio do percorrido.
Adicionalmente, nas alegacións solicítase “non introducir no parque Eugenio Granell unha nova senda ciclista” e arguméntase que este parque conta con sendas peonís e diversos percorridos, e “ten un sistema viario de borde capaz de integrar sen problema unha senda ciclista”. Pola súa banda, a zona das hortas urbanas está enclavada nas Brañas do Sar, que conta cun Plan especial de protección aprobado. Finalmente, o Concello manifesta que as obras que impliquen remocións de terras na contorna máis inmediata ao ámbito dos terreos do mosteiro medieval de Conxo e a apertura de ocos en dous muros vencellados a el, situados na Rúa Nogueira de Conxo e Rúa de Ramón Baltar, deben “estar sometidas a control arqueolóxico”, igual que as obras na antiga liña de ferrocarril e na contorna dos elementos catalogados.
O concelleiro de Urbanismo destacou que a senda proxectada pola Xunta é unha actuación desconforme co planeamento urbanístico municipal que non está suxeita a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal, de acordo co establecido na Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para os proxectos de infraestruturas de fomento da mobilidade sostible. Tamén identificou as afeccións a dous bens de titularidade municipal que figuran no anexo de expropiacións malia seren bens de dominio público e por tanto “inalienables, imprescriptibles e inembargables” non susceptibles de expropiación.
Trazado incompatible co proxecto “Ecobosque”
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude incidiu en que “o trazado alternativo proposto pola Xunta non soluciona un dos aspectos máis cuestionados do itinerario orixinal e segue colisionando co proxecto do Ecobosque que desenvolve o departamento de Emprego”. María Rozas lembrou que as dilixencias penais abertas contra a Xunta polas obras da senda “baséanse, precisamente, en que a actuación lle afecta ao mesmo ámbito no que se pretende a recuperación ambiental do ecosistema fluvial do río Sar, sendo proxectos incompatibles financiados ambos con fondos europeos” e nese sentido lamentou que o Goberno galego “non aproveitara a presentación dun trazo alternativo para solucionar esta incoherencia”.