Deportista masculino de categoría base: Cosme González.
Deportista feminina: Blanca Millán.
Deportista masculino: Guillermo Carracedo.
Adestrador/a máis destacado/a: Santi Valladares.
Entidade deportiva máis destacada: Club Waterpolo Santiago.
Adestrador/a xuíz/a máis destacado/a: María José Barbazán.
Patrocinio deportivo: Ferrecal.
Actividade ou acción social: Andaina de Duchenne e Becker, Juanma Mata e Samuel Mata.
Deporte adaptado/inclusivo: Marcelo Lusardi.
Entidade educativa: Colexio Peleteiro.
Honorífico á taxectoria: Chuco Barreiro e Maruxa Barral.
Mencións especiais: Emilio Navaza a título póstumo e Luís Penido Rally Team.
Traxectorias
Demeku Paniagua e Debris Paniagua lograron prata e bronce no Campionato de España de Campo a Través e convertéronse nas primeiras xemelgas españolas en competir nun Mundial de Cross, onde foron as mellores do equipo estatal, rematando nos postos 28 e 37 na categoría sub20 con só 17 anos. Ademais, Debris conseguiu o bronce nos 2000 obstáculos no Festival Olímpico da Xuventude Europeo, mentres que Demeku foi bronce nos 2000 obstáculos no Campionato Ibero Sub-18. Ambas completaron a tempada asinando o primeiro e segundo posto na Carreira Pedestre Popular de Santiago.
O ximnasta compostelán Cosme González asinou unha tempada brillante ao proclamarse campión de España individual na categoría xuvenil no Campionato de España de Ximnasia Rítmica 2025.. A súa medalla de ouro confirma a súa progresión dentro do panorama nacional, consolidándose como unha das promesas máis destacadas da ximnasia rítmica galega
A xogadora de baloncesto Blanca Millán destacou na Liga Femenina (LF Endesa) na posición de escolta. Formouse nos Estados Unidos, xogando na Universidade de Maine entre 2016 e 2021, onde foi dúas veces mellor xogadora da conferencia America East e dúas veces mellor xogadora defensiva, sendo a única muller en logralo dúas veces en cada premio. Tras a súa etapa universitaria, regresou a España para fichar polo Baxi Ferrol, co que na temporada pasada logrou clasificarse para a EuroCup, rematando subcampioa do torneo.
Guillermo Carracedo é un destacado surfista especializado en SUP Olas e paddle surf. Foi campión de España de SUP Olas 2025 na categoría open en Malpica de Bergantiños (A Coruña) e representou a España no ISA World SUP & Paddleboard Championship 2025 en El Salvador, conseguindo o 13º posto individual. Ademais, foi campión de Europa absoluto de paddle surf en 2022, varias veces campión de España e subcampión do mundo coa selección española, consolidándose como unha das grandes figuras do paddle surf galego e internacional.
Club Waterpolo Santiago é unha entidade deportiva fundada en Santiago o 1 de xaneiro de 2004, dedicada á práctica, promoción e formación no waterpolo. Está inscrito na Federación Galega de Natación e nos rexistros deportivos locais. O club destacou pola súa aposta pola formación de base e a participación en competicións autonómicas, acadando resultados relevantes en todas as categorías. Na tempada 2024-25 gañou en todas as súas categorías: na categoría absoluta foi subcampión da Supercopa masculina, no alevín mixto campión de triplete, e na liga benxamín mixta tamén se proclamou campioa, consolidando o liderado compostelán nas categorías menores.
Santi Valladares é un referente do fútbol sala galego. Foi o primeiro internacional galego como xogador nesta modalidade e, como adestrador en 2025, conquistou a Copa de España co Peñíscola, consolidando a súa traxectoria tanto na carreira deportiva como no liderado técnico.
María José Barbazán achegouse ao atletismo tras regresar a Galicia desde Francia en idade adolescente. Tras a súa etapa como atleta, dedicouse á xudicación, percorrendo competicións por toda Galicia, e converteuse na primeira muller delegada do Colexio de Xuíces en Santiago, destacando pola súa contribución á dirección e regulación do atletismo na cidade.
Ferrecal é patrocinador principal do Triatlón Compostela e colaborador de varios clubs da contorna galega, como Club Triatlón Compostela, Monbus Obradoiro, SD Compostela, Club Vía Láctea, Amio Sociedade Deportiva e outros. Ademais, apoia ao CD Boiro e ao Club Vía Láctea, entidade de senderismo e marcha nórdica empadroada en Santiago de Compostela, contribuíndo á promoción do deporte local e de base.
A Andaina Solidaria en favor da investigación Duchenne e Becker está promovida por Juanma Mata e o seu fillo Samuel, que traballan cada ano por dar visibilidade á enfermidade. Con Samuel afectado polo Síndrome de Duchenne, participan en competicións como a Carreira Pedestre de Santiago e varias probas do CorreSan, e organizan no Monte do Gozo unha carreira solidaria cuxos fondos se destinan á investigación de enfermidades raras, combinando deporte e acción social.
Marcelo Lusardi é skater compostelán de orixe arxentina, que comezou a practicar skate aos 11 anos e perdeu a visión aos 18 por neuropatía óptica de Leber. A pesar diso, continúa destacando no seu deporte e en 2025 repetiu como embaixador da competición de skate adaptado do Marisquiño. Ademais, ten importante presenza en redes sociais baixo os nomes @elskaterciego e @the_blind_rider, promovendo o skate adaptado e inspirando á comunidade.
O Colexio Peleteiro ofrece unha oferta deportiva diversificada con instalacións propias, incluíndo campo de fútbol, pavillón e piscina. Participa varios anos nas fases finais do Campionato de España de Baloncesto, en colaboración co Obradoiro, e destaca en múltiples disciplinas.
Chuco Barreiro foi utillero da SD Compostela durante máis de trinta anos, acompañando ao club desde categorías rexionais ata a Segunda e Primeira División, traballando no manexo do material, vestiarios e desprazamentos, e identificándose profundamente coa entidade. A súa muller Maruxa Barreiro incorporouse despois para encargarse das tarefas de lavado e coidado da roupa e o material cando o equipo medrou, contribuíndo xunto a el ao funcionamento diario e á memoria vivida da SD Compostela.
Emilio Navaza, de Santiago de Compostela, foi un destacado periodista deportivo vinculado a El Correo Gallego. Recientemente falecido, Navaza deixou unha importante pegada no ámbito da información deportiva galega, sendo recoñecido pola súa dedicación e rigor profesional.