José Ramón de la Fuente reiterou que “o número de bombeiros por quenda non cubre os efectivos mínimos esixidos polo propio Plan de emerxencias municipal, que establece o ideal de 12 efectivos por quenda, e como mínimo 9, pero no mellor dos casos hai habitualmente 5 por quenda, pero hoxe só hai 3 bombeiros e un policía local patrullando”.
“Se agora mesmo, -destacou De la Fuente- hai un incidente, só haberá un modo de atendelo, a capital de Galicia tería que pedir apoio aos bombeiros de Brión, Boiro, Ordes ou de calquera outro lugar da contorna, algo que xa non é unha hipótese, porque isto ocorreu a noite do venres, cando tiveron que desprazarse a Santiago varias unidades de bombeiros do GES de Brión e de Padrón, para extinguir dous incendios que se produciron”.
“Hai uns días a alcaldesa, cando denunciabamos outra problemática da cidade, acusábamos de dar nomes e apelidos dun cidadán anónimo, algo que non é verdade, pero hoxe si preguntamos, con nomes e apelidos a Goretti Sanmartín Rey e a todos e cada un dos concelleiros e concelleiras do seu goberno, si dormen tranquilos pola noite ante esta grave situación”, preguntou a edil popular.
A concelleira popular descoñece se, “Xan Duro durme tranquilo sabendo que, si se produce unha urxencia, non hai recursos para responder á mesma e, polo tanto, se pon en risco a seguridade dos veciños?; dende cando sabe o goberno de BNG e CA que a capital de Galicia estaría hoxe sen bombeiros?; a quen fai responsable Goretti Sanmartín desta situación? e se se producirá algún cese por ter chegado a este punto?”.
Olaya Otero subliñou que “o artífice desta situación é o mesmo concelleiro responsable, ou irresponsable, da falta de contrato dos centros socioculturais, a falta de contrato do transporte urbano e a falta de contrato da Praza de Abastos, por iso, insistimos: ata cando vai seguir a alcaldesa respaldando a neglixente xestión de Xan Duro?”.