A partir de hoxe, Goretti Sanmartín preside a Asemblea Xeral do Grupo, a Comisión Executiva e a Comisión de Turismo. Tamén se renovan os principais órganos de goberno, de forma que o vicepresidente primeiro e presidente da comisión de Patrimonio será o alcalde de Segovia, José Mazarías. O vicepresidente segundo e presidente da comisión de Cultura será o alcalde de Tarragona, Rubén Viñuales. Ademais, o vicepresidente terceiro será o alcalde de Toledo, Carlos Velázquez. Pola súa banda, o alcalde de San Cristóbal de la Laguna continuará sendo membro da comisión executiva un ano máis.
A alcaldesa agradeceu o seu traballo ao seu predecesor, o alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luis Yeray Gutiérrez, con quen xa mantivo o pasado mes de abril unha reunión para facilitar o traspaso da presidencia do Grupo. Pola súa banda, Luis Yeray Gutiérrez manifestou que «lle desexo á nova presidenta o maior dos éxitos na súa nova responsabilidade e, por suposto, ten todo o meu respaldo e apoio para que as cidades patrimonio sigamos avanzando nos nosos obxectivos».
Luis Yeray Gutiérrez realizou un balance «moi frutífero dunha etapa que foi determinante para a consolidación do Grupo, de avances e grandes consensos. Iniciamos este período no momento que deixabamos atrás a pandemia, e durante estes 18 meses fortalecemos a colaboración entre as nosas 15 cidades, reforzando as accións en materia de conservación do patrimonio, accesibilidade e desenvolvemento cultural, e impulsando a estratexia internacional do Grupo.»
La Laguna asumiu a responsabilidade de presidir o Grupo o 1 de xaneiro de 2023. Normalmente a presidencia rotatoria ten unha duración dun ano, coincidindo co curso político. Con todo, La Laguna prolongou o seu mandato durante seis meses máis para recuperar a periodicidade habitual entre o 1 de xullo e o 30 de xuño, que se viu alterada en 2020 pola pandemia do coronavirus.
Luis Yeray Gutiérrez destacou que nestes 18 meses se reforzaron alianzas estratéxicas que permitiron dar unha maior dimensión internacional ao Grupo, por unha banda, no ámbito da promoción turística, grazas aos acordos co Ministerio de Turismo e Turespaña, ademais doutros convenios con socios como Paradores e Madrid Destino. Tamén subliñou a asistencia ás principais feiras do sector como FITUR, World Travel Market ou ITB de Berlín, ademais dunha forte presenza en campañas e xornadas internacionais en países europeos, asiáticos e americanos. E, doutra banda, asináronse acordos con entidades homólogas, como a Asociación de Cidades Mexicanas Patrimonio Mundial (ANCMPM).