O capítulo I supera os 41 millóns de euros. Este orzamento, ademais, inclúe unha demanda sindical antiga de que as prazas de bombeiro condutor se repoñan co nivel C1 e non C2, como se viña facendo até agora.
Os gastos de funcionamento sufriron, nestes últimos anos, un importante aumento da inflación, absorbendo unha boa parte dos recursos dispoñíbeis. Neste sentido, o concelleiro lembrou que, non obstante, cómpre valorar na xusta medida que supoñen o cerne principal das competencias municipais, é dicir, a prestación dos servizos. Así, o capítulo II (66,8 millóns de euros) aumenta máis de 14%, sobre todo nos grandes contratos.
Os orzamentos fan fincapé no eixo social (SAF, bolsas de comedor ou axudas para libros ou actividades extraescolares); na vivenda, cun investimento de 4,2 millóns de euros previstos nos orzamentos e cunha partida para a rehabilitación de cinco vivendas na rúa Caramoniña; no mantemento do espazo público, e nas infraestruturas e compromiso co rural e os equipamentos directamente vinculados ao benestar, atención ás persoas ou seguranza (1.377.000 euros para obras do Estadio Verónica Boquete; a cociña central do novo modelo de comedores escolares —1.000.000 de euros—; e a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores —432.000 para a primeira anualidade dunha obra que alcanzará o millón e medio de euros—). Igualmente, o proxecto orzamenario inclúe unha partida (75.000 euros) para a realización do proxecto da nova instalación para a cidadanía recuperando a estrutura do que ía ser o Parque de Bombeiros en Salgueiriños.
Finalmente, o proxecto conta cunha aposta pola sustentabilidade ambiental, apostando pola compostaxe da materia orgánica e renaturalización de espazos e tratamento adecuado do ciclo da auga con partidas como os 100.000 para o acondicionamento do antigo vertedoiro de Piñor e outros 100.000 para un proxecto que se presentará ás axudas autonómicas para o tratamento da fracción orgánica, xunto cun plan de fugas nas redes de auga (200.000 euros) e a reparación dunha tubaxe de captación do Tambre (250.000 euros).
Expedientes de crédito
No debate xustamente anterior, o concelleiro de Facenda explicou a relevancia dos expedientes que suplementan os orzamentos. “Traemos a este pleno unha modificación orzamentaria con tres expedientes que se vinculan estrictamente cos orzamentos por canto habilita o crédito necesario para proxectos importantes e xa comprometidos. É dicir, este e o seguinte son pezas indisolubles da folla de ruta deste goberno para o 2025, polo que non se entenden o un sen o outro aínda que estemos a debatelos por separado”, explicou inicialmente Manuel César.
O primeiro dos expedientes destínase a proxectos cofinanciados con subvencións doutras administracións públicas: Entre Sar e Sarela. Proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago de Compostela, 200.000 euros, dotado con fondos NextGeneration; Estadio municipal Verónica Boquete, 469.907,40 euros, que complementan a subvención comprometida pola Deputación da Coruña; e unha cantidade para as obrigas municipais correspondentes aos investimentos do POS para obras do rural, 22.164,17 euros.

En canto aos suplementos de crédito, permitirá dar achegas a actuacións financiadas con fondos europeos como son. Trátase da restauración do ecosistema fluvial e creación dun bosque de saúde no río Sar, ao seu paso polo Banquete de Conxo (eco-bosque), acrecentando 39.650 euros ao crédito inicial de 170.875 euros; e Entre Sar e Sarela-proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde, dotándoo dos 513.594,91 euros que deben sumarse aos 3.383.651,89 euros de crédito concedido.
O segundo expediente de suplemento de crédito destínase a actuacións cofinanciadas e comprometidas pola Deputación da Coruña: o acondicionamento da edificación para o edificio CIRVI en Villestro, suplementando 36.348,68 euros o crédito inicial de 225.857,18 euros; e a ampliación da rede de abastecemento aos lugares de Agualada e A Torre na parroquia de Marantes, que acrecenta 124.722,43 euros ao crédito inicial de 849.958,16 euros.