O proxecto de ampliación da rede de abastecemento no lugar da Veiga (parroquia do Eixo) ten un orzamento de 168.162,35 € (IVE Incluído) e un prazo de execución, unha vez adxudicado, de 17 semanas. Segundo indicou a concelleira, «incluirase no futuro convenio que asinaremos coa Xunta despois do convenio marco que xa subscribimos para o aparcamento do hospital Clínico. Como sabedes, ese procotolo marco establece o desenvolvemento de convenios e nel inclúense 3,5 millóns de euros para abastecemento e saneamento para o rural».
En canto ao proxecto de ‘acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela-Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 2.1’, lembrou Louzao «que o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña decidiron abordar a actuación por fases para poder desenvolvela así da forma máis axustada ás dispoñibilidades orzamentarias». Así as fases 1 e 2 foron aprobadas en Xunta de Goberno local o 13 de marzo e o 14 de abril do ano pasado, respectivamente, e hoxe procédese a aprobar esta fase 2.1 que correspondería ao espazo que vai desde un camiño de acceso ao núcleo de Ramelle ata a ponte sobre o río Tambre, na linde co termo municipal de Oroso, conectando coa senda existente.
O conxunto dos tres proxectos construtivos completará o trazado da senda no termo municipal de Santiago. «Como demos conta no Consello Municipal de Medio Rural, hai unhas semanas comezaron as obras do primeiro tramo da Vía Verde. A achega do Concello a este proxecto, nesta fase, é de 298,787,47 euros que supoñen o 36,14% da achega total ao proxecto en obras na actualidade. Este tramo é o de máis complexidade técnica por abranguer dous túneles e nel execútanse, cun prazo de 6 meses, 2,2 quilómetros en dirección a Oroso».
Míriam Louzao salientou a importancia deste proxecto «para fomentar o uso de espazos naturais, o deporte e a mobilidade sostible e no tramo compostelán serán uns 10 quilómetros de senda cun orzamento total de 2,2 millóns de euros. Non dubidamos de que tras este primeiro tramo se impulsarán o segundo e este terceiro que hoxe aprobamos e que a completarán».