A Ordenanza que regula a comunicación ao Concello de Santiago de Compostela dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda, previsto no artigo 107.4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), quedou hoxe aprobado de xeito definitivo grazas aos votos a favor dos grupos do BNG, CA e PsdG. O proxecto aprobado finalmente, non sufriu ningunha modificación con respecto ao texto aprobado o pasado 24 de xuño e sometido ao proceso de exposición pública, aínda que o Goberno municipal terá en conta algunhas das suxestións presentadas.
Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, recordou que a «hotelización do parque residencial reduce, contrae a oferta de aloxamento estable dificultando o acceso a unha vivenda digna e adecuada», o que provoca un «impacto significativo no prezo da vivienda» e no «dereito á vivenda», polo que «é crucial limitala, como fan moitas cidades do mundo». «Non é tarefa doada, nin se limita á regulación, pero avanzamos na boa dirección e as nosas actuacións dan froitos: a oferta de vivenda en Santiago xa nota o retorno ao mercado residencial de inmobles que se dedicaban ilegalmente ao alugueiro turístico», engadiu.
Iago Lestegás tamén instou á Xunta a que «cumpra o artigo 44 do Decreto 12/2017» e «dea de baixa do seu Rexistro os aloxamentos que carecen do título habilitante municipal de natureza urbanística que é imprescindible para operar legalmente, como confirmaron os tribunais en numerosas sentenzas», xa que segundo o artigo 42 o mesmo Decreto, «a habilitación sectorial autonómica non exime da obriga de obter as demais autorizacións que sexan precisas, e isto inclúe, obviamente, a municipal», incidiu. O edil tamén anunciou que se reunirá proximamente co director de Turismo de Galicia para tratar este tema.