A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentou hoxe o evento, nunha rolda de prensa na que participaron o presidente da Asociación Bearded Villains Spain, Jonathan Mohedano; o responsable social da asociación, Héctor López, e a directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, Carmen López. A tenenta de alcaldesa explicou que «desde o meu departamento non podiamos deixar de sumarnos a unha acción social coma esta, e máis tendo en conta cal é a entidade beneficiaria». Neste sentido, María Rozas agradeceu o traballo que desenvolve FEGEREC, «no apoio ás máis de 200.000 persoas con enfermidades raras que viven en Galicia e que probablemenbte serán moitas máis, tendo en conta que os diagnósticos poden tardar anos en chegar».
Tamén puxo en valor o labor social da asociación Bearded Villains. Nesa liña pronunciouse a directora de FEGEREC, que recoñeceu que «inicialmente a proposta de Bearded Villains Spain resultounos extraña, pero finalmente a asociación foi un descubrimento». Carmen López agradeceu a axuda, e recoñeceu que para a entidade «o sábado vai ser un día moi especial, porque será un día de desfrute e visibilidade para moitas persoas, e sobre todo moitos nenos e nenas».
Pola parte de Bearded Villains Spain, o seu presidente, Jonathan Mohedano, explicou que o seu obxectivo é mostrar que «calquera persoa pode axudar aos demais, por pequena que sexa e con independencia do seu aspecto».