O presidente provincial destacou na súa intervención o “carácter aberto” da carreira, xa que poden participar dende atletas de elite ata afeccionados ou calquera persoa, sen importar a súa idade nin condición física, posto que conta con distancias de 10, 5 e 2 quilómetros, ademais dunha andaina de 5. Na primeira edición, o ano pasado, tomaron a saída deportistas do nivel de Irene Sánchez-Escribano, Adrián Ben, Tariku Novales, Cristina Ruiz, Ester Navarrete, Daniel Arce ou Fernando Carro.
Formoso afirmou tamén que Os 10.000 Peregrinos “aspira a converterse nunha competición de referencia en Galicia e en España” e servirá para “visualizar o esforzo” por parte da Deputación na promoción do deporte, que se incrementa cada ano financiando “a máis de 800 entidades deportivas da provincia en todas as disciplinas” e que implica tamén “ilusión e moito traballo detrás de cada evento para concretar esa aposta”.
“Cando as administracións traballamos nesa liña, o resultado é que cada vez aparecen máis deportistas de alto nivel e que serven de ‘lebres’ para os que teñen ilusión de selo algún día”, concluíu o presidente da Deputación.
Míriam Louzao referiuse especialmente aos valores que promove a proba, como é “o impulso á práctica do deporte en todos os segmentos de idade, de xeito inclusivo e participativo”.
Iván Sanmartín asegurou que a carreira constitúe “unha magnífica oportunidade para que Galicia teña unha proba referente en España” e destacou a relevancia “do traballo que se está facendo dende a Deputación” para o atletismo galego con iniciativas como esta ou o Circuíto de Carreiras Populares, con 35 competicións cada ano noutros tantos concellos e unha participación que supera as 15.000 persoas cada ano.