A resposta a estas declaracións non se fixo esperar. Borja Verea, portavoz do Partido Popular de Galicia, acusou á alcaldesa de utilizar a institución municipal para fins partidistas e lamentou que a súa xestión estea a fallar aos composteláns. «Santiago de Compostela é un referente para o mundo e esixe que quen a represente governe para todos e non utilice a súa posición para intereses partidistas«, declarou Verea, ao tempo que criticaba a actuación de Sannmartín, a quen acusou de confrontar coa Xunta e de non traballar por mellorar a cidade.
Verea puxo de relevo a situación de crise que atraviesa Santiago, sinalando que a cidade está a sufrir problemas graves de seguridade, limpeza e transporte público. «A xestión municipal do BNG non soubo ou non quixo facer fronte a estes problemas, que convirten a Compostela na cidade con peores servizos de transporte de toda España«, afirmou.
Respecto ás críticas de Sannmartín sobre os fondos destinados á cidade, Verea lembrou os avances conseguidos pola Xunta, como o incremento do 10% no Estatuto da Capitalidade, un feito que non se producira nos últimos 15 anos. «O Goberno da Xunta, co respaldo do Partido Popular, fixo o maior incremento ao Estatuto da Capitalidade dos últimos 15 anos; un incremento do 10%, cinco veces por encima do que medra o orzamento total«, destacou.
O portavoz popular tamén recordou a aprobación da taxa turística en Santiago, un logro conseguido grazas ao respaldo parlamentario do PP, pero lamentou que a medida se atope atascada no Concello, onde o goberno de Sannmartín non ten vontade de poñela en marcha.
Verea tamén criticou a xestión económica do goberno local, que, segundo el, está a multiplicar os gastos sen ofrecer resultados. «O goberno máis caro da historia de Santiago está a fallar á súa cidadanía«, sentenciou.