Marcha ciclista nocturna
O percorrido realizouse sen ningunha incidencia e garantindo todas as medidas de seguridade, sendo escoltado en todo momento o grupo de participantes e contando cos pertinentes chalecos, cascos e luces, tal e como recomendou a Policía Local cando se presentou a actividade. Os/as ciclistas percorreron unha distancia de oito quilómetros. Saíron dende a praza do Concello e percorreron varias rúas da localidade de Bertamiráns e tamén se achegaron ata o lugar de Sisalde.
Programación da VI Semana Europea da Mobilidade de Ames Por mor da probabilidade de chuvia prevista para este sábado, 21 de setembro, a Concellaría de Mobilidade decidiu aprazar a actividade «Xogos en bici», que se ía a celebrar no aparcadoiro de Agriños (O Milladoiro), a partir das 17:00 horas. As predicións meteorolóxicas apuntan choiva para ese tramo horario do sábado, por iso decidiuse suspender dita actividade. Proximamente anunciarase unha nova data para desenvolver a actividade. Porén, a sesión de DJ WANA programada para ese mesmo día mantense e celebrarase a partir das 20:30 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.
A programación pecharase o domingo, 22 de setembro, cunha andaina pola senda verde que une O Milladoiro con Bertamiráns. A saída realizarase dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro, ás 10:00 horas. A veciñanza terá á súa disposición un bus para trasladarse dende Bertamiráns ata O Milladoiro e viceversa, unha vez rematada a actividade. As persoas que queiran facer uso do servizo de autobús deben estar ás 9.30 horas na parada de autobús, que se atopa na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello, en Bertamiráns.
A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o emprego do transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Este ano, decenas de cidades e vilas sumáronse á campaña, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Espazo Público Compartido”, que busca fomentar un cambio de comportamento a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes.