Centros Socioculturais
Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria «Escribirmos na compaña de Luísa Villalta», que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Escola de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.
Goretti Sanmartín fixo un chamamento a toda a veciñanza reiterando que «o mellor que podemos facer para difundir a nosa lingua e apostar pola nosa literatura é falala e ler a obra de escritoras e escritores pero sobre todo a autora á quen se lle dedica as letras», porque ademais «a obra de Luísa Villalta é moi contemporánea e actual e que chega facilmente á mocidade».
Cambio de usos nos terreos de Peleteiro
A alcaldesa tamén falou sobre o encontro que mantivo co ministro de Economía, Carlos Cuerpo, acompañada do concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, «unha cita onde encontramos boa receptividade por parte do Ministerio» e na que se chegou a un acordo para apostar «pola vivenda e por facer un cambio de usos para o ámbito de Peleteiro».
Seguindo o acordado por ambas partes, a rexedora anunciou que «a partir de agora vai haber reunións técnicas para fixar cal pode ser ese cambio necesario no planeamento, coa idea clara de reducir o uso comercial, facendo que restrinxa á pranta baixa e de favorecer o cambio do uso comercial e hoteleiro, polo residencial e que se fomente a vivenda protexida». Goretti Sanmartín tamén detallou que a condición esixida desde o Ministerio é a de non reducir a edificabilidade.
Unha vez haxa una proposta técnica na que se inclúan estes cambios, o Goberno municipal convocará a Comisión de Peleteiro e dará conta a todas as partes implicadas.
Cidades Patrimonio