Radio Líder leva o “Fala que Fala” ao IES O Ribeiro de Ribadavia
Ribadavia acolle este martes 24 de marzo unha nova parada de “Fala que Fala”, o formato especial de Radio Líder que xa se consolidou como unha referencia na promoción do galego entre a mocidade. Tras o seu paso polo IES Luis Seoane de Pontevedra, o CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, o IES Cacheiras de Teo e o IES Castelao de Vigo, o programa chega agora ao IES O Ribeiro, en Ribadavia, para celebrar a súa sexta edición.
Líder Redacción
23 de marzo de 2026 a las 21:07
O espazo, realizado en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, emitirase entre as 10:00 e as 12:00 horas nunha edición especial chea de música, humor, entrevistas, xogos e unha destacada participación do alumnado. Durante dúas horas, o centro educativo converterase nun punto de encontro arredor da lingua galega, cunha proposta dinámica e participativa pensada para gozar, compartir e poñer en valor o noso idioma.
Nesta ocasión, a convidada de honra será María del Pilar Núñez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que protagonizará unha das entrevistas do programa, realizada por parte do alumnado do centro.
Con esta nova cita, “Fala que Fala” continúa o seu percorrido por distintos puntos de Galicia, reforzando o seu papel como proxecto de referencia na difusión, promoción e prestixio do galego entre as novas xeracións.
O evento conta coa colaboración de Seguridade A1, Daveiga e Dezasete Media.