O presidente da Federación Galega de Atletismo, membro da comisión delegada da Real Federación Española de Atletismo e técnico municipal, Iván Sanmartín, puxo en valor que “este ano, por primeira vez, Ames acolle un campionato de España de atletismo en ruta. Penso que é un paso máis para esta gran proba deportiva que, para min, ten o circuíto máis rápido de Galicia. Seguramente, o vindeiro domingo caerá algún que outro récord, non só no campionato de España, senón tamén na proba popular. Veremos marcas moi relevantes, de feito, hai atletas do campionato máster que están correndo a tres minutos o quilómetro, sendo marcas estratosféricas. Ademais, estase a apuntar moita xente doutras localidades de España, polo que de seguro que teremos unha proba moi interesante”.
O técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, aclarou que “debido á celebración do campionato de España Máster 5K, tivemos que modificar un pouco os horarios con respecto a anos anteriores. Comezaremos ás 10.00 da mañá coa carreira pedestre, de 10 quilómetros, e meteremos nun tramo intermedio ás 11.30 horas, o campionato de España Máster 5K. Despois acabaremos coas probas escolares para os atletas máis novos, xa ás 12.30 horas”.
Inscricións na proba e retirada de dorsais
As inscricións da carreira popular en todas as súas categorías realizaranse a través da web de EMESPORTS cubrindo o correspondente formulario de inscrición. As inscricións do Campionato de España Máster realizaranse a través da web https://rfeacontent.es/callroom.html (ver circular do Campionato en www.rfea.es). O prazo de inscrición está aberto ata o martes 14 de outubro, ás 23:59 horas. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Na actualidade hai 430 deportistas inscritos na carreira pedestre e máis de 200 no campionato de España máster 5K.
As persoas que desexen participar na proba absoluta (de júnior a veterano/a) terán que aboar unha cota de 8 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é de balde. Poderase formalizar o pagamento a través da pasarela de pago na propia web. No momento da inscrición deberase acreditar a marca na distancia de 10 km en ruta (só en probas homologadas).
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun dorsal-chip que se lle entregará a cada corredor/a. Os e as participantes que cheguen á meta sen este elemento ou que o leven colocado de xeito incorrecto descualificaranse automaticamente segundo criterio do xuíz árbitro da competición.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, en Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado, 18 de outubro en horario das 17:00 ás 20:00 horas) ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para evitar colas, recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.
Premios e trofeos
Recibirán un trofeo as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría establecida no regulamento e tamén as tres primeiras clasificadas da proba absoluta. Na proba absoluta recibirán un trofeo local as tres primeiras persoas clasificadas empadroadas no Concello de Ames. Ademais, a ganadora e o ganador locais, tanto feminino como masculino, obterán un abono trimestral no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Bertamiráns.
Tamén recibirán un trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Os premios non serán acumulativos, de xeito que ningún corredor ou corredora poderá recibir dous trofeos (agás os premios aos/ás atletas locais). Non haberá premios nin trofeos para as crianzas participantes das categorías prebenxamín e pitufo. Nestas categorías entregaráselle unha medalla de chocolate a cada participante.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta 10K o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados da proba absoluta 10 K o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.
A clasificación de clubs establecerase a través das 10 primeiras persoas clasificadas do club, sexan homes ou mulleres, mediante a suma dos seus postos. Os clubs deberán estar compostos, como mínimo, por 10 compoñentes que crucen a liña de meta e que teñan a licenza federativa en vigor.