O concurso contará cun xurado formado por persoas do mundo da cultura e escritores de prestixio. Haberá premios para os mellores alumnos e tamén para os centros participantes. Unha forma de ligar o ensino co tecido comercial, e de plantar a semente dunha conciencia cívica que vaia máis alá do consumo rápido.
Campañas que funcionan
A conversa tamén permitiu repasar algunhas das campañas que a asociación leva impulsando desde a súa creación, hai xa oito anos. Entre elas destaca o “Merca e Gaña”, onde os clientes participan en sorteos tras subir as súas compras mediante un código QR. Ou os “Días Azuis”, unha campaña a nivel galego promovida pola Federación Galega de Comercio, na que este ano se sortearán premios de ata 3.000 euros para gastar en negocios locais. «Estas campañas funcionan porque devolven os cartos ao comercio. É un círculo virtuoso. E a xente responde, participa, implícase«, asegura Seijas, lembrando que o último “Merca e Gaña” tivo lugar nun día festivo e que a xente facía cola fóra porque non collía máis dentro do local.

O perigo das zonas comerciais periféricas
Outro dos puntos críticos foi a transformación dalgunhas zonas da cidade, como a Sionlla, que, segundo Seijas, está a converterse nun novo centro comercial encuberto. «A Sionlla non naceu para iso. Está expulsando á xente do centro», advertiu, sinalando que ese tipo de desenvolvementos poden debilitar o comercio do casco histórico, clave para a identidade e dinamismo da cidade. «Santiago sen comercio sería un deserto. Vivimos iso durante a pandemia, e non queremos volver aí.»
A entrevista pechouse cun chamamento á cidadanía, para que se implique, consuma localmente, e coñeza a variedade e calidade da oferta existente en Santiago. «Aquí temos de todo. Que alguén me diga algo que non se poida mercar en Santiago. Todo se pode atopar, cunha atención personalizada e profesionais de verdade.«
A Asociación Comercio Punto Compostela continúa a tecer redes, ideas e campañas para evitar que a cidade perda unha parte fundamental do seu carácter. E como lembra Seijas, «se o comercio local cae, cae moito máis que tendas: cae comunidade, cae cidade».
A entrevista completa, no seguinte enlace.