Premios Benfeito, a primeira iniciativa estatal na que as persoas consumidoras recoñecen ás empresas
Líder Redacción
23 de septiembre de 2025 a las 22:29
- Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, explicou en Radio Líder Santiago que os galardóns celebran a súa segunda edición para poñer en valor a innovación, a calidade e o compromiso das marcas galegas.
A segunda edición dos Premios Benfeito de Consumo xa está en marcha. A iniciativa, bianual, impulsada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), quere recoñecer ás empresas que destacan pola súa excelencia, innovación e compromiso co territorio. Como sinalou o secretario xeral da entidade, Miguel López Crespo, trátase da “primeira e única iniciativa en todo o Estado español na que son as persoas consumidoras as que recoñecen e valoran o traballo das empresas”.
Un recoñecemento en positivo
Na entrevista telefónica realizada por Sara Garea en Radio Líder Santiago, López Crespo explicou que a idea naceu coa vontade de dar visibilidade ás boas prácticas: “Non sempre as empresas son as malas da película. Tamén hai proxectos que innovan, que poñen en valor a nosa terra e que levan moitos anos traballando a prol de Galicia”.
Segundo apuntou, a Unión de Consumidores de Galicia leva 37 anos de traxectoria e considerou fundamental abrir un espazo que premie ás compañías que apostan pola calidade e a responsabilidade social: “Debemos avanzar construíndo en positivo, de mans das empresas e das administracións”.
Finalistas en tres categorías
Este 2025 compiten 15 empresas finalistas, seleccionadas entre máis de 120 candidaturas, en tres grandes categorías:
-
Produtos alimenticios: Leche Río, Coren, Viña Costeira, GADIS e Pescanova.
-
Produtos non alimenticios: Santos Cociñas e Baños, Pérez Rumbao, Bimba y Lola, Numax e Abadía da Cova.
-
Servizos: Xenera Compañía Eléctrica, Monbus, Caixa Rural Galega, a rede de ximnasios Be One e Alda Hotels.
Na primeira edición, celebrada en 2023, os galardóns foron para Estrella Galicia (produto alimenticio), Naviera Mar de Ons (servizos) e Droguería Arenal (produto non alimenticio).
Votación aberta á cidadanía
As votacións para escoller ás gañadoras estarán abertas ata o 26 de outubro a través da web consumidores.gal e das redes sociais da Unión de Consumidores de Galicia. O proceso é aberto e, segundo subliñou López Crespo, “completamente anónimo, xa que non se recollen datos persoais”.
López Crespo subliñou que se valoran dous aspectos principais: “A calidade dos produtos e servizos, por unha banda, e a atención ao cliente, pola outra”. Ademais, recomendou que quen non teña experiencia directa con algunha marca utilice a opción “non sabe/non contesta” para non desvirtuar os resultados.
A entrega dos galardóns celebrarase o 6 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, nun acto que aspira a consolidarse como referente no calendario económico e social de Galicia.
Consumir en Galicia, un valor engadido
O secretario xeral da Unión de Consumidores insistiu en que os valores máis apreciados polos galegos á hora de elixir marca son a calidade e o compromiso co territorio: “Cada vez somos máis conscientes da necesidade de investir aquí, de apostar polo produto local e de que os cartos queden en Galicia”.
A participación, ademais, terá recompensa: entre todas as persoas que voten sortearanse dúas cestas de produtos de alimentación galegos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, como maneira de seguir poñendo en valor a riqueza gastronómica do país.
López Crespo concluíu que os Premios Benfeito queren tender pontes entre empresas e consumidores: “O que ofrecemos é un espazo de interacción e confianza. As empresas que apostan decididamente por Galicia son as que están a recibir un grande recoñecemento por parte das persoas usuarias”.