A líder nacionalista amosou o seu convencemento de que a maioría da veciñanza está ao lado do proxecto de goberno que lidera o Bloque e, por iso, vaticinou que “o próximo alcalde de Ribeira volverá ser Luís Pérez”, cuxo traballo e o de todo o seu equipo proba que hai outra maneira de gobernar, a que representa o BNG cun proxecto político a favor da maioría social, sen favoritismos nin caciquismos, que transforma en positivo, desde o diálogo e poñendo as persoas no centro.
Neste sentido, destacou a coraxe do rexedor para afrontar desigualdades, repensar espazos urbanos, preservar o medio ambiente ou dinamizar o ámbito cultural e a súa clara aposta por uns servizos públicos de calidade e polo mar non só como principal sector económico, senón tamén como sinal de identidade. Un proxecto co que ademais introduciu unha forma de gobernar transparente, que convida á participación e rende contas á cidadanía, incidiu.
En definitiva, unha proposta de transformación que nace da idea de que “Ribeira ten capacidade para ser máis, para ser mellor”, e co que en pouco máis de dous anos, afondou, o concello xa é outro, con ánimo renovado e con esperanza colectiva. “Demostraches que un alcalde con principios, con coraxe e cun proxecto claro a favor da xente pode marcar a diferenza”, agradeceu a Pérez.
Por iso, considerou a vergoñenta moción impulsada por Alfonso Rueda en Ribeira “un acto de desesperación e de pánico”, xa que o PP é perfectamente consciente da consolidación do goberno municipal que lidera o BNG con Luís Pérez á cabeza e de que os veciños e as veciñas viron con feitos que hai outra maneira de gobernar, polo que non queren volver os tempos escuros da dereita caciquil do PP.
“A vergoñenta moción de censura do Partido Popular é a constatación de que o BNG estaba facendo un excelente traballo en Ribeira, a constatación de que Luís é un gran alcalde”, sintetizou, para criticar a continuación as presións, artimañas e acordos escuros que se esconden tras esta moción dado que, incidiu, “gobernar ben molesta a quen prefería o clientelismo á defensa do ben común”.