Un acto no que asegurara que “sempre presumín de ser de Frades, de onde son os mellores grelos do mundo”. Ademais, agradecera especialmente que a corporación municipal decidira darlle o seu nome ao multiúsos xa que consideraba que era “un edificio símbolo da transformación do pobo de Frades, que cando nacín non tiña ningunha comodidade e se transformou nunha sociedade do século XXI”.
Destacada carreira profesional
José María Botana López era maxistrado xubilado do Tribunal Supremo, con destino na Sala Cuarta do Social. Tomou posesión do seu cargo o 9 de marzo de 1998, en virtude do real Decreto 293/98 de 26 de febreiro, sendo nomeado maxistrado emérito por acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial de 12 de maio de 2004.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela no 1955 e doutor en Dereito cun laude pola Universidade da Coruña no mesmo ano, ingresou na Carreira xudicial na Novena Promoción da Escola Xudicial, sendo nomeado xuíz de primeira instancia e Instrución de entrada con destino en Belchite. Foi promovido a Maxistrado de Traballo, con destino na Maxistratura Nº 2 de Vigo (1973), de onde foi trasladado no 1979 á Maxistratura de Traballo Nº 3 da Coruña, ata que foi nomeado Maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión o 23 de maio de 1989.
Desempeñou en Comisión de servizo en diversos xulgados de Galicia: Corcubión, Noia, Chantada, Lugo e outros. No ano 1997 foi nomeado Presidente da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión o 5 de setembro de 1997, cesando no mesmo ao ser promovido a maxistrado do Tribunal Supremo, cargo no que se mantivo ata a súa xubilación en 2004.