Entre os proxectos para este colectivo inclúense un skatepark, pumptracks e espazos para arte urbana no Campo da Barca. Ademais, estase estudando habilitar locais de ensaio e gravación musical para os mozos interesados na música. «É hora de ofrecerlles alternativas de ocio e cultura que lles permitan socializar e desenvolver as súas paixóns», explicou Arca.
Un dos puntos máis destacados da entrevista foi a reclamación da gratuidade da AP-9 entre Padrón e Santiago. «A AP-9 xa está máis que amortizada e debe ser pública. É un eixo vertebrador que pertence a todas as galegas e galegos», reivindicou o alcalde.

En paralelo, o goberno local traballa nun proxecto para mellorar a conexión peonil e ciclista entre A Ponte e o casco urbano, especialmente na perigosa N-550. «É unha prioridade para o noso goberno e esperamos materializala máis pronto que tarde», asegurou.
Doutra banda, o contexto de minoría no goberno local non foi obstáculo para ampliar o orzamento municipal ata os 10,5 millóns de euros. «Son uns orzamentos expansivos que nos permitirán seguir mellorando infraestruturas e servizos», explicou Arca.
Con todo, o rexedor lamentou a descomposición interna do Partido Popular local, que sufriu varias dimisións. «O Partido Popular terá que recompoñerse; nós seguimos traballando por Padrón», afirmou, subliñando que as iniciativas avanzan grazas ao diálogo co resto de grupos políticos.
Anxo Arca ten clara a súa folla de ruta: priorizar o mantemento das instalacións públicas, modernizar servizos e responder ás necesidades de todas as franxas de idade. Entre os proxectos destacados, mencionou a creación dun novo edificio para o xulgado, o traslado da Escola de Música á Azucreira, e novas áreas de ocio como o Campo da Barca.
«Padrón é un concello para todos, e todos deben ter espazos para convivir e desfrutar», concluíu o alcalde, quen destacou que a súa visión busca equilibrio, modernidade e sostibilidade.
A entrevista completa, no seguinte enlace.