Padrón recoñece o talento e o esforzo da promesa do fútbol Catalina Pereira
Líder Redacción
7 de noviembre de 2025 a las 12:17
- O alcalde Anxo Arca, acompañado das concelleiras Chus Campos e Mariló Saco, recibiu na Casa do Concello á futbolista, veciña de Carcacía de 14 anos e campioa galega de fútbol en 2024
Padrón. 7-11-2025.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado das concelleiras Chus Campos e Mariló Saco, recibiu este xoves 6 de novembro na Casa do Concello a Catalina Pereira Cortizo, veciña de Carcacía de 14 anos e campioa galega de fútbol en 2024. A deportista estivo acompañada polos seus pais e polos seus tíos. O encontro serviu para recoñecer publicamente a traxectoria dunha moza que xa forma parte da Selección Galega Sub-14 e compite en categoría sénior co Victoria CF, equipo da Terceira Federación.
Durante a recepción, o rexedor destacou o apoio do Concello ao deporte de base e ás novas xeracións, animando a Catalina a seguir traballando para acadar as súas metas sen esquecer a formación académica. Arca subliñou que as portas do Concello están abertas para apoiar a ela e ao conxunto de deportistas padroneses que representan con orgullo o nome da vila.
Catalina comezou a xogar no colexio La Salle de Santiago, onde practicaba fútbol sala e fútbol campo. En 2024 proclamouse campioa galega coa selección comarcal de Santiago, o que lle abriu as portas do Victoria CF, club no que milita actualmente. O pasado ano participou no Campionato de España coa Selección Galega Sub-14, que alcanzou as semifinais en Madrid.
A padronesa defínese como resiliente e loitadora, valores que lle axudan agora a superar unha pequena lesión e a manter o seu obxectivo de chegar algún día á Selección Española.
Con este xesto, o Concello de Padrón quere poñer en valor o talento, o esforzo e a paixón polo deporte da mocidade local, reafirmando a súa aposta polo deporte feminino e pola promoción das novas promesas do municipio.



