Durante a súa intervención, Ángel Fagilde destacou a longa traxectoria de Ategal, que cumpre xa 47 anos ao servizo das persoas maiores, cun modelo baseado en catro áreas fundamentais: cultura, ocupación, saúde e lecer. “Os maiores somos un colectivo diverso e plural. Xubilámonos do traballo, pero non da vida”, afirmou.
Pola súa banda, o alcalde Anxo Arca amosouse especialmente orgulloso da alta participación e implicación do alumnado sénior padronés, con actividades repartidas en distintas parroquias como Carcacía, Cruces ou Extramundi. “O que somos hoxe as xeracións máis novas é grazas a vós, ao voso esforzo. Sodes depositarios dun gran coñecemento e talento que non podemos permitirnos perder”, afirmou.
O rexedor fixo fincapé na aposta decidida do goberno municipal polo envellecemento activo e destacou que nos orzamentos que o goberno local someterá a unha cuestión de confianza, tras non obter os apoios necesarios para a súa aprobación inicial, a partida destinada á Terceira Idade duplicouse de 6.300 a 13.000 euros. “É unha inversión útil e necesaria. Continuaremos traballando para que sigades formando parte activa da sociedade padronesa”, engadiu.
Exposición, música e convivencia para pechar o curso
A programación da mañá incluíu unha coidada exposición de traballos realizados durante o curso nos obradoiros de pintura ao óleo, bordado, manualidades pinturas en tela e labores. Tamén se proxectou unha vídeo-memoria das actividades desenvolvidas, destacando momentos vividos nas sesións formativas, saídas culturais e obradoiros de benestar.