O Pint of Science Padrón arrancará o luns 18 de maio cunha primeira xornada na Parrillada Reina Lupa. Ás 18.30 horas, Aida Lorenzo Campos falará sobre Educación social, participación e asociacionismo, mentres que María Aguión Lamas farao sobre O lecer como ferramenta socioeducativa.
Ás 20.00 h terá lugar o relatorio Órganos en chips que collen na palma da túa man, a cargo de Andrés da Silva Candal, e ás 21.00 celebrarase a actividade lúdica Xoguemos ao Trivial.
O martes 19 a divulgación científica trasládase ao Bar Casino e á Cafetería Alfolí. O primeiro acollerá ás 17.30 h o obradoiro infantil Un día na Terra: a incrible historia da vida e, ás 19.00 h, a conferencia de Alberto Gutiérrez Barral Poden os incendios queimar o mar?. Pola súa banda, o segundo establecemento hostaleiro será escenario da charla Rehabilitación xeriátrica con realidade virtual, que impartirá Abraham Trashorras Rivas.
Xa o mércores 20, o último día do Spint of Science Padrón arrancará ás 11.30 h no Auditorio Municipal de Padrón co obradoiro para adultos de Amipa A túa totebag científica.
Logo, o programa continuará na Pulpería Rial, que ás 16.30 h acollerá o taller infantil A máquina perfecta: explorando o corpo humano. Ás 18.00 h poderemos asistir ao relatorio Detectives de proteínas: medicina personalizada, de Diana Carolina Castro Fernández, e ás 19.00 h á charla Pementos… de Padrón ou de Herbón?, de Rubén Boga González.