Recoñecementos e calidade turística
No apartado de distincións, Padrón recibiu o Premio Pueblo Mágico de Galicia 2026, tras ser o destino máis valorado polo público en votación popular. Así mesmo, este venres sumou un novo fito coa designación do Santiaguiño do Monte como Lugar Mágico de España, un título que reforza o valor simbólico e patrimonial deste enclave único.
Ademais, a Oficina de Turismo de Padrón renovou as certificacións Q de Calidade Turística e S de Sustentabilidade Turística, dous selos de máximo prestixio outorgados polo Instituto para la Calidad Turística Española y la Sostenibilidad (ICTES).
Anxo Arca, Chus Campos e o técnico de Turismo, Alberto Rey, recolleron as certificacións nun acto celebrado durante a Gala Noche Q 25, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, presidida polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, e polo presidente do ICTES, Miguel Mirones.
Este recoñecemento fai de Padrón o único concello da provincia da Coruña que conta con ambas certificacións na súa oficina de información turística. Ademais, o distintivo S de Sustentabilidade é especialmente exclusivo, xa que só o posúen tres oficinas en toda Galicia, situando Padrón como referente autonómico en turismo responsable.
Unha intensa axenda
A promoción completouse coa presenza destacada de Padrón no tótem de benvida a Fitur, cunha reportaxe especial na revista Turismo da Coruña, dedicada a Padrón Natural, dispoñible tamén no mostrador informativo municipal durante toda a feira.
Ademais, a delegación mantivo reunións con especialistas do sector e medios especializados, co obxectivo de explorar novas oportunidades e manterse actualizado sobre as tendencias do turismo. Entre estas diferentes citas destacou tamén o encontro co alcalde de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, e co concelleiro Antonio Hernández. Este pobo de Xaén, co que Padrón formalizou o acto de irmandamento o pasado mes de xullo, foi recentemente incorporado á rede de Pueblos Mágicos de España, abrindo novas oportunidades para proxectos de cooperación cultural e turística entre ambos municipios.