
Ao rematar as intervencións, houbo un intercambio de presentes. Anxo Arca regaloulle a Goretti Sanmartín un exemplar do libro da Pascua, o primeiro que recolle o saúda da alcaldesa de Santiago. Esta, pola súa banda, agasallou ao anfitrión cun exemplar do libro ‘Santiago de Compostela, o milagre’, escrito por Daniel Asorey, e outro da ‘Flor de Santiago’, de Ruth Varela.
O acto de irmandamento comezou na praza de Ramón Tojo, onde o alcalde e a Corporación de Padrón recibiron á de Santiago. Tras o intercambio de pendóns (portados polo padronés Luis Mariño e a compostelá Nerea Barcia), Anxo Arca e Goretti Sanmartín intercambiaron os bastóns de mando, antes de que ámbalas comitivas se dirixiran ata o salón de plenos do Concello de Padrón para celebrar o acto institucional.
As autoridades seguiron dende o balcón da casa consistorial as actuacións das bandas de música de Padrón e de Santiago, que rematou coa interpretación dos himnos de España e de Galicia, respectivamente. Logo trasladáronse ata a praza de Macías para escoitar o concerto da Banda Municipal de Santiago, tradicional no Luns de Pascua. Despois, integrantes das dúas corporacións participaron nun xantar de confraternidade.
O Luns de Pascua comezou en Padrón co pasarrúas da Banda de Música de Padrón e continuará pola noite coas verbenas amenizadas polas orquestras Olympus e Los Satélites.
O domingo pola noite a orquestra París de Noia e o dj zamorano Ricky Galende, co seu espectáculo Renovation Experience, foron os encargados de amenizar os concertos en Fondo de Vila e no paseo do Espolón, concentrando milleiros de persoas.