Padrón. 27-4-2024.- Padrón despide unhas das Festas de Pascua máis femininas dos últimos anos, que comezaron co pregón da triatleta local Martina López Gestal e que contou o sábado co concerto da Banda da Loba, o grupo compostelá formado por cinco mulleres que presentou diante de numeroso público o seu último traballo discográfico, Lovismo. Nun domingo de Pascuilla soleado milleiros de persoas achegáronse ata a capital do Sar para participar no último dia das festas de 2024. A tradicional xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón e o Festival de Bandas foron dous dos actos máis destacados.
O alcalde, Anxo Arca, e membros do goberno local, presidiron a 48 xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, que entregou as insignias de ouro e placas de honra e rendeu unha emotiva homenaxe ao fundador de Picusa, Ignacio Zaragoza Salvadó, coincidindo co 150 aniversario da posta en marcha da primeira fábrica de curtidos na Matanza. Anxo Arca, que recibiu na alcaldía a familiares do homenaxeado que asistiron ao acto, agradeceu e resaltou a aposta que no seu día fixera Ignacio Zaragoza para poñer en marcha unha fábrica que foi motor económico na comarca e segue sendo unha referencia.
Este ano, as persoas e empresa recoñecidas polos Fillos e Amigos de Padrón foron Cristina Castaño, Miguel López Mendoza, Carmen San Nicolás López, Francisco Quintá Mariño, Carlos Castaño Varela, Baicha e a Irmandade de Fillos e Amigos da Estrada. Todos eles foron saudados polo goberno local e, despois da foto de familia nas escaleiras da igrexa parroquial, xunto coa directiva da irmandade participaron na tradicional ofrenda no paseo do Espolón diante das estatuas de Rosalía e Camilo José Cela. Anxo Arca e Carmen San Nicolás depositaron a coroa de loureiro diante da estatua de Rosalía, e o alcalde, con Cristina Castaño diante da de Cela. A Coral Polifónica Padronesa cantou o himno de Padrón e a banda municipal tocou o himno galego.