Exército Mekemeke recibiu o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”. O Exército Mekemeke (Carlos García Vieito, Lidia Veiga, Miguel Abad e Xabier Dios) participaron no espazo de Radio Cidadá de Ames Radio durante tres convocatorias, de 2021 a 2024. Trátase dun videopodcast cheo de aire fresco e moito humor no que se abordan temas de actualidade e inquedanzas que se identifican, sobre todo, coa mocidade.
Sara Seco acadou o premio na categoría de Canle de TikTok “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun amplo abano de colaboracións”. Nesta categoría foi finalista a creadora de contido en redes, Nuria Grandío López, @konachadas, tamén de Ames, que vén de participar na quinta edición do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, como integrante do xurado e tamén se encargou de presentar a Gala de entrega de premios xunto con Rodrigo Míguez Novoa, @rodrimiguez97.
Por outra banda, Prado Rúa fíxose co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas”. O Premio Revelación foi para Galiactiva, canle da que o xurado destacou “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables”. Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística polo seu “coidado no uso da lingua oral en todos os niveis” e a súa aposta pola “revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo”.
Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”. O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.
Finalmente, o xurado destacou en termos xerais “a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas”. Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ até as 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, ademais de 41 vídeos.
A Gala
Javi Sánchez presentou unha gala na que se repasou e a historia de Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Sánchez tamén fixo xirar o espectáculo ao redor do lema desta oitava edición dos Premios Youtubeiras+, Fachenda ao cadrado. Precisamente, a fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego converteuse nun dos leitmotivs da noite.
Relación de gañadores/as por categoría:
-Canle de Youtube. Gañador: Exécito Mekemeke (Ames).
Finalistas:
IagoRAW (Lugo).
O Faiado Podcast (Santiago de Compostela).
-Canle de TikTok. Gañadora: Sara Seco (Santiago de Compostela).
Finalistas:
pradorua (Ourense).
Konachadas (Ames).
-Creación de contidos. Galñadora: Prado Rúa (Ourense).
Finalistas:
Rodri Míguez (Bueu).
Anxo Sánchez (Lugo).
-Revelación. Gañador: Galiactiva (Ourense).
Finalistas:
Arquivo Anab (Xinzo de Limia).
Carlota Casal Ramos (Melide).
-Calidade lingüística. Gañador: Luís do Río (Santiago de Compostela).
Finalistas:
A Debate no Eirado (Santiago de Compostela).
Galego para Peques (Monterroso).
-Rede. Gañadora: Rebelico Revista (Vigo).
Finalistas:
OU ké! (Ourense).
Pablo Rodríguez Vila (Lugo).
-Premio do público. Gañador: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo).
Finalistas:
Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada).