O apartado festivo terá os seus grandes momentos no mes de xullo, coa Feira Medieval os días 4, 5 e 6 de xullo, unha cita que se agarda máis numerosa ca nunca, e que este ano contará cun elemento novo: a participación de Arjonilla, localidade andaluza irmá de Padrón, ligada á figura de Macías o Namorado. “Queremos que veñan representantes de Arjonilla a estreitar lazos e fortalecer esta irmandade cultural”, explicou.
E por suposto, o gran evento do verán será o Santiaguiño do Monte, que se celebra o 25 de xullo, pero cuxa programación comezará semanas antes. “Este ano comezaremos as actividades xa con antelación, con propostas para a mocidade, a infancia, as persoas maiores, e con gran protagonismo para a música tradicional e a sardiñada gratuíta”, detallou.
En agosto, o Concello deixará o protagonismo ás festas das parroquias, que se celebran practicamente en todas as zonas do municipio. “Queremos que teñan o seu espazo, o seu protagonismo, por iso reducimos a programación municipal ese mes”, indicou.
Ademais da actividade turística, Campos compartiu datos históricos do emprego en Padrón. “En decembro de 2015 había 770 persoas no paro. En abril de 2025 conseguimos baixar a 298 persoas, unha cifra récord que nos enche de orgullo”. A concelleira atribuíu esta mellora á combinación entre políticas locais, estabilidade económica e apoio do goberno estatal.
Finalmente, Campos fixo fincapé no potencial empresarial de Padrón: “Temos empresas líderes como Cortizo, Finsa ou Exlavesa, pero tamén moitas oportunidades por explotar no turismo e nos servizos”. A súa mensaxe foi clara: Padrón aínda non tocou teito.