O Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da décimo cuarta edición do festival Millarock, que se celebrará nesta ocasión o venres 1 de agosto. Este ano continúase coa estela do ano pasado, na que se pretende achegar o rock aos máis mozos. Ademais, nesta edición apóstase por facer un Millarock máis inclusivo.
Por unha banda, haberá mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Ademais, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade.
No acto de presentación estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; a técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde; o gaiteiro en Ruxe Ruxe, Xaco Barona; o director da Casa do Rock, Adrián Hernández; o baixista de Battosai, Carlos Freire; e os membros de Ulex, Xián Castro (voz principal e guitarra rítmica) e Martiño Quintela (batería e voz principal).
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, subliñou que “o Millarock mantén a súa esencia de rock en galego, grupos con vinculación en Ames ou da contorna, con compoñentes femininas e tamén apoio a grupos emerxentes que van a compartir escenario con grupos consolidados e de longa traxectoria”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, destacou que “o ano pasado dimos un paso adiante con implicar aos máis pequenos dentro do mundo do rock e este ano apostamos por facer un Millarock máis inclusivo e apto para todos. Somos un concello inclusivo e gústanos ir avanzando nese ámbito. Nesta ocasión, no Millarock queremos achegar a música, a cultura e o rock á xente que habitualmente non poden asistir e desfrutar dos concertos”.