O concelleiro e alcalde destacou que «o que se busca con estas xornadas é que os rapaces e as rapazas falen galego coas familias e que non se esquezan de falalo nas vacacións de verán». Así mesmo, explicou que «este programa é algo que se leva traballando dende fai anos por diversos alcaldes de distinta ideoloxía. A nosa lingua é o tesouro máis grande que temos e é o noso deber coidala».
Pola súa banda, a técnica do departamento, Rosa Moreiras, sinalou que será “unha xornada completa de actividades e recursos, pensada para público familiar, co obxectivo de achegarlles ferramentas, referentes e xogos para favorecer unha crianza positiva e creativa en galego”.
Programación
A festa comezará ás 11.00 horas con “Carapuchiña e os 5 lobiños”, de Ángeles Goás e Cristina Castro, un espectáculo no que a protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura diferente. Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 3 anos. A combinación da narración de Ángeles Goás e a música de Cristina Castro, creará un ambiente no que os máis pequenos da casa estarán entretidos e gozarán coa familia e os máis grandes poderemos aprender xeitos novos de contar historias.
Ás 12.00 horas, será a hora do Mago Paco e o seu espectáculo de maxia participativa “Hocus Pocus”, cheo de xogos máxicos e sorpresas que deixará coa boca aberta a xente grande e miúda. O Mago Paco, Fran Otero, é especialista en maxia infantil e familiar e os seus espectáculos caracterízanse por unha mestura de maxia con varias artes escénicas. En todos eles prima a fantasía, o humor e a participación do público de xeito que, malia a estaren pensados para crianzas, fan gozar a toda a familia.
A xornada de mañá remata ás 13.00 horas co concerto de Golfiños, un grupo musical que trae ritmos e melodías moi diversas que beben de todos os estilos musicais. Traen á festa do Apego o seu último espectáculo, “Silforiña”, no que as cordas dunha guitarra e dun ukelele e as teclas dun piano se converten na alfombra máxica que transporta a voz de Elena Paz a un mundo de aventuras únicas, coas que bailar, cantar e brincar no mundo das emocións.
Títeres Babaluva abre a sesión da tarde, ás 17.00 horas, coa “Filla do Cacharulo”, unha peza teatral con música en directo dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Nesta proposta coñeceremos sardiñas, rodaballos, caranguexos, troitas e outros peixes que a través das mans e da voz de Mirari Urruzola e do piano de Merran Laginestra nos animan a camiñar cara a un mundo máis xusto, equitativo e sostible.
Ás 18.30 horas, chega Marta Ortiz co seu espectáculo “Tralará”, no que xunta contos, cantigas e obxectos. Con Ortiz aprenderemos cancións, contos rimados e trabalinguas, para xogar coa lingua; contos acumulativos e encadeados, para sentir o ritmo dos versos e das sílabas; cancións de mans e contos con lingua de signos, para afondar na xestualidade de forma divertida e participativa. En definitiva, contos de antes e de agora, cun pé para adiante e outro para atrás, bailando entre a tradición e a actualidade. Tralará xoga co ritmo que emana do propio contar e da lingua.
A V Festa do Apego pecharase ás 20.00 horas cun concerto para todas as idades a cargo do grupo de música infantil “Oviravai”. Nel os aissitentes cantarán e bailarán ao ritmo dos temas do seu último traballo Paio e o poder da música. Oviravai é unha compañía galega, dedicada ao desenvolvemento de contidos educativos e culturais para público infantil e familiar, que se define a si mesma como unha fábrica de soños. Soños que mediante personaxes como o Teixugo Paio, o Oso Aurelio, ou a Moucha Anacleta, entre outros, converten en realidade a través da música, os espectáculos e os libros..
Actividades permanentes abertas durante toda a xornada
Ao longo de todo o día haberá actividades que estarán abertas de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina. A través delas achegarase asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e formativos que poden ser útiles durante a crianza. Estas actividades son tamén espazos nos que as nenas e os nenos terán ao seu dispor xogos de mesa, materiais naturais non estruturados para promover a creatividade e o xogo libre, unha ampla variedade de obras infantís para mergullarse na lectura compartida, un obradoiro de creación de personaxes con pasta de papel e outro obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que todas e todos leven un agasallo da Festa do Apego.
Neses espazos estará Cris de Caldas cun espazo de recursos para facilitar a crianza en galego, Pedras de Papel cun obradoiro de pasta de papel, Brazolinda con xogos de mesa de moi diferentes temáticas e para todas as idade, e Miudiño co seu espazo de xogo libre “Terra”, creado con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar a creatividade
Así mesmo, a festa contará cun espazo Apego no que o persoal do Servizo de Normalización Lingüística achegará información sobre o programa e os recursos que pon ao dispor das familias interesadas.
Entrada libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa