De maneira complementaria, e con fondos propios, o Concello de Padrón aproveitou o parón da actividade deportiva para acometer diversas melloras nos vestiarios. Entre elas, destacan a renovación do mobiliario con novos bancos e a habilitación dun vestiario feminino, que permitirá mellorar as condicións de uso para as xogadoras.
No acto inaugural participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, acompañados polo deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; polo vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Manuel Lores; e pola presidenta do C.D. SAR Extramundi, Adriana Vázquez.
Durante a súa intervención, o alcalde deulles as grazas á presidenta do club «polo seu empeño en mellorar as instalacións», e tamén a todos os xogadores e xogadoras e ás súas familias «por ter aguantado os duros meses de execución das obras». Arca celebrou que, “ás portas do seu centenario, co campo renovado, o Sar continuará facendo historia e sendo un orgullo para Padrón”.
Con esta actuación, o campo de fútbol de Estramundi dá un paso firme cara ao futuro, dotándose de instalacións modernas e sistemas de última xeración que garantirán a práctica deportiva en condicións óptimas e consolidan este espazo como referente no ámbito futbolístico da contorna.