A proposta socialista inclúe un proxecto piloto que comezaría coa instalación de dous parklets en puntos estratéxicos do Ensanche, áreas onde a concentración de locais baleiros é maior. Estes “microprazas” non só incrementarían o fluxo de peóns e revitalizarían o comercio, senón que ofrecerían unha nova forma de interacción entre veciñanza e comunidade, promovendo un ambiente máis inclusivo e vibrante.
Este proxecto piloto iría acompañado dun estudo preliminar para identificar as zonas con máis necesidades de dinamización. A concelleira Castro sinalou que, ao recuperar o espazo público e facelo máis atractivo, «pódese incentivar o consumo e a apertura de novos negocios en zonas hoxe en día esquecidas».
Ademais dos parklets, Rosón mencionou as ramplas mecánicas da Gran Vía de Vigo como un exemplo inspirador. En Vigo, a combinación de elementos de mobilidade con áreas de descanso e socialización contribuíu significativamente ao aumento do fluxo de cidadanía nas zonas comerciais. En Santiago, propón que os parklets poidan incluír zonas parcialmente cubertas, para que estean adaptados ás condicións climáticas e poidan ser utilizados en calquera época do ano.
Críticas ao proxecto da senda entre Milladoiro e San Caetano
No contexto da rolda de prensa, a concelleira Mercedes Rosón tamén se pronunciou sobre a recente rectificación da Xunta de Galicia respecto ao trazado da senda entre Milladoiro e San Caetano, que inicialmente atravesaba o histórico Banquete de Conxo. A edil socialista criticou o impacto irreversible que as obras xa causaron na morfoloxía do monte, lamentando que non se tivesen en conta os informes de patrimonio que recomendaban utilizar roteiros xa existentes.
Rosón subliñou que, aínda que “rectificar é de sabios”, este cambio de criterio chega tarde, pois as intervencións iniciais “arrasaron medio monte, levantaron muros e alteraron completamente a paisaxe”. A concelleira urxiu á Xunta a asumir responsabilidades e a restaurar o dano causado nunha zona de gran valor ambiental e cultural, lembrando que o Concello xa presentara emendas no pasado mandato para que se modificase o trazado, petición que tamén foi reiterada polos veciños e colectivos ecoloxistas.