Guinarte subliñou a importancia deste debate como ferramenta de control democrático, ao tratarse dunha cita que só ten lugar unha vez ao ano e que cobra unha relevancia especial na recta final do mandato. “Non sabemos se será o último Debate do Estado do Concello deste mandato ou se haberá outro xa en ano electoral, pero en calquera caso é unha oportunidade clave para contrastar a acción do goberno coas promesas electorais e co seu programa”, sinalou.
O portavoz socialista explicou que a análise do grupo estará baseada en feitos e datos obxectivos, e non en valoracións retóricas, “a este goberno fáltanlle políticas que lideren realmente a solución dos problemas da cidade; máis ben ao contrario, estamos ante un goberno instalado nunha parálise da xestión que só reacciona cando a auga lle chega ao pescozo”, afirmou, recorrendo a un símil que, ao seu xuízo, reflicte ben a situación actual do executivo local.
Entre os ámbitos que exemplifican esa falta de impulso, Guinarte referiuse aos servizos públicos esenciais. No caso da limpeza e da recollida do lixo, falou dunha percepción cidadá clara de “mal funcionamento”, mentres que en materia de seguridade lembrou a situación “sen precedentes” vivida durante meses no servizo de bombeiros. A estas carencias sumou a actual falta de mantemento viario, visible en distintos puntos da cidade advertindo de que “todos os que circulamos polas rúas de Compostela sufrimos esta situación, especialmente en barrios como Fontiñas, onde o deterioro é alarmante e non se recordaba algo semellante”.
No eido da vivenda, o voceiro socialista puxo en dúbida que os principais anuncios do goberno da señora Sanmartín poidan atribuírse a unha acción directa do Concello. Segundo explicou, o único avance salientable foi o desbloqueo do ámbito do Peleteiro, “pero grazas á actuación do Goberno do Estado”, que decidiu incorporar ese solar á sociedade pública de vivenda para posibilitar a construción de vivenda protexida nun espazo céntrico da cidade. “Aí practicamente remata o que o goberno municipal pode presentar como balance neste ámbito”, afirmou.
Guinarte sinalou que, mentres tanto, non se produciron avances nin na posta a disposición de inmobles ou solares para a súa rehabilitación nin na xestión da zona residencial tensionada, e lembrou que segue pendente o compromiso inicial de recuperar Emuvisa, “un instrumento esencial para a promoción de vivenda pública”, sen que exista aínda “ningún prazo nin concreción” cando o mandato entra xa no seu último ano.