A terceira, tamén de consolidación do Anel Verde exterior e a «Restauración ambiental e creación do laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico». Ten un investimento estimado de 219.256,60 euros. Procúrase a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela, así como reforzar a restauración do bosque autóctono de carballeira e acondicionar a rede de carreiros internos das áreas verdes e zonas de estancia, incluíndo medidas de accesibilidade.
A cuarta actuación, tamén incluída na consolidación do Anel Verde exterior, é a «Recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes». A proposta,que contaría cun orzamento estimado de 225.724,37 euros, propón actuar no espazo periurbano situado entre o Parque Eugenio Granell e o desenvolvemento urbanístico na contorna do antigo núcleo tradicional de Cornes, espazo delimitado entre a rúa Escultor Camilo Otero, o trazado da liña ferroviaria e a infraestrutura de circunvalación SC-20, contorna no que destaca a presenza dunha lagoa natural. En concreto, proponse a eliminación de residuos de orixe urbana e de especies exóticas invasoras e a recuperación e reforzo da vexetación autóctona; deseñando unha rede de novos sendeiros que dea conectividade entre Conxo, Cornes e Pontepedriña; e acometendo medidas de illamento acústico e visual da área mediante a creación de pantallas vexetais formadas por especies arbóreas e arbustivas autóctonas.
E a quinta e última actuación, tamén de consolidación do Anel Verde exterior, é a «Restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no monte periurbano do Viso», que contaría cun investimento estimado de 175.542,30 euros. Farase unha substitución de especies exóticas por plantas nativas: bidueiros, carballos, sobreiras, acivros e distintas especies arbustivas; tomaranse medidas para a conservación de distintas especies de pequena fauna silvestre; e reforzaranse as sendas interiores para facilitar o seu uso, dotándoa das medidas de accesibilidade universal correspondentes.
Rehabilitación de vivendas no barrio de Pontepedriña
Goretti Sanmartín tamén salientou a aprobación da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana do ámbito dos Grupos de Vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios do barrio de Pontepedriña por un importe de 446.400,00 €. Esta convocatoria, que se desenvolve ao abeiro das fases 7 e 8 do Plan estatal de vivenda 2018-2021, «valorará temas relativos á accesibilidade, a eficiencia enerxética así como outros criterios», detallou a rexedora que tamén recordou que «desde a súa publicación no BOP, haberá un mes para presentar as solicitudes».
Hortas urbanas