Para o edil popular, “non é de recibo que as rúas Xoán XXIII e Costa Nova de Abaixo se teñan convertido nun punto coñecido e constatado de venda de drogas e, incluso, nun lugar habitual de conflitos coa propia veciñanza, mentres o goberno local se cruza de brazos e non fai nada”.
“Non é a primeira vez que se producen agresións e danos a bens públicos-remarcou-, os propios aseos da dársena estiveron meses fóra de servizo polos desperfectos causados por persoas consumidoras que habitan e transitan habitualmente por esa zona, sen que o goberno municipal se tome en serio a gravidade da situación”.
De la Fuente remarcou que “a pesar do grave problema de delincuencia vinculada ao tráfico de drogas que denunciamos en múltiples ocasións e mesmo levamos ao Pleno para a súa discusión, os nacionalistas seguen negando existencia de problemas”.
O popular explicou que a situación que se está a rexistrar nesta zona da capital de Galicia está avalada por datos oficiais e públicos do Ministerio de Interior, non deixan lugar a dúbidas, nin interpretacións, posto que, claramente, din que a criminalidade vencellada ao tráfico de drogas crece exponencialmente na cidade, “xa somos a cidade de Galicia coa ratio máis alta de delitos por habitante, -subliñou De la Fuente-, é dicir, a máis insegura da Comunidade autónoma e padecemos o número de delitos máis altos dos últimos anos, 5.056 delitos só no ano 2024”.
“Sabemos- indicou- que non hai fórmulas máxicas para afrontar este grave problema, pero se se nega a súa existencia, como fai o goberno local, non se atallará a espiral na que esta inmersa a cidade; nin o incremento de criminalidade que sufrimos agora mesmo”.
De la Fuente lembrou que, “dende o Partido Popular de Santiago, puxemos solucións enriba da mesa, como: o incremento de efectivos; poñer en funcionamento as cámaras de vixilancia e, mesmo, incrementar o seu número alí onde sexa máis necesario; e mellorar a iluminación da cidade, que sufriu unha redución evidente cos cambios de luminarias que esta facendo o goberno local”.