Para o concelleiro popular, “non é de recibo que o goberno nacionalista xogue co esforzo e a ilusión de xogadores e afeccionados, sobre todo, tendo en conta que só tiña que ocuparse dunha cousa, comprar os trofeos para gañador e finalista e, nin sequera, é capaz de facer iso”.
De la Fuente destacou que “todo lle viña dado e organizado pola Federación Galega de Fútbol e polos clubs, os nacionalistas só tiñan que garantir a disposición do campo de fútbol e que houbera trofeos e medallas para os xogadores”.
O edil popular remarcou que na concellería de Deportes “se xuntan a fame e as gañas de comer, contamos cunha falta de efectivos evidente, totalmente insuficiente para atender, de forma adecuada, as necesidades do amplo tecido deportivo da cidade”.
“Estamos ante unha concellería moi mal planificada, xa que aglutina materias tan esenciais para a cidade como: deportes, relacións veciñais, festas, rural e a UMAD, o que demostra -dixo- o pouco que lle interesan a este goberno estes asuntos, ademais evidencia un claro desleixo e falta de xestión”.
O popular subliñou que, dende que comezou o actual mandato “o BNG non fai máis que ir a remolque, sempre por detrás dos acontecementos o que lles está a supoñer un importante prexuízo a todas as veciñas e veciños de Santiago, que son os que padecen as consecuencia dunha xestión sen ideas e neglixente”.