A popular denuncia que, desde que se puxo en marcha o novo contrato do lixo, este servizo ten grandes carencias, como os tempos de recollida, tarefa que pasou de facerse tres veces á semana a soamente unha, o que supón un problema de acumulación de lixo, causando malos cheiros e acumulación de bolsas.
Ademais, o Goberno nacionalista retirou distintos contedores, sobre todo, na zona das Quenllas, pero nos os repuxo, sobre todo, nas vías de servizo das vivendas, polo que agora son os veciños os teñen que levar o lixo nos seus propios vehículos.
Durante a xuntanza, na que se congregaron máis de 30 veciños, Nerea Barcia puido comprobar como unha demanda histórica, como é a mala sinalización, sobre todo, nas zonas de San Paio e As Quenllas, segue sen arranxar. Esta situación provoca moitos equívocos entre as persoas que se desprazan ata esta zona e as numerosas dificultades para recibir o correo ou paquetería, ante a falla de sinais.
Así mesmo, para a popular resulta incrible que, en pleno século XXI e nas inmediacións dun aeroporto Internacional, os veciños non conten con auga da traída municipal, nin con servizo de saneamento. Cabe sinalar que a auga ven dun pozo privado, que paga a veciñanza. Dita instalación funciona con electricidade, polo que se ve afectado polos constantes cortes de luz.
Barcia lémbralle ao Goberno do BNG que esta é unha demanda que ten fácil solución, xa que a pouco máis de 100 metros, á altura da central de Correos existen tomas de luz que suporían unha solución, o que reflexa a deixadez coa que, o Goberno do BNG, se toma as demandas dos veciños do rural.