• “A realidade é ben distinta -explicou De la Fuente- xa que todos podemos ver como os vestiarios do campo de fútbol de Conxo xa se caían a cachos daquela; o céspede do campo de fútbol de Belvís xa estaba cheo de fochancas; o campo de fútbol de Figueiras estaba nun estado lamentable; o campo de fútbol ‘Suso Conde’ de Villestro segue á espera dun cambio de céspede e doutras melloras que non poden adiarse máis”.
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, esixiu esta mañá, de novo, a constitución do Consello Municipal de Deportes. “Neste mandato, aínda non foi convocado, a pesar de que os nacionalistas xa celebraron varias reunións do resto de Consellos Municipais de participación que hai no municipio”. O edil popular afeoulles que se puxesen de perfil no Pleno do pasado mes de abril, “resulta lamentable a actuación deste goberno que non apoiou o nosa proposta de convocar o Consello de deportes, non sei por que teñen tanto medo a reunirse con todas as entidades á vez”.
De la Fuente criticou que “houbera xa cinco xuntanzas do Consello Municipal de Saúde, a pesar de ser unha materia sobre a que o Concello non ten competencias propias pero, sen embargo, non reunira aínda, nin unha soa vez, o de Deportes, aínda que nisto si ten competencias que exercer e, a maiores, está a complicada situación que está a pasar pola falta de instalacións e de mantemento, o que está provocando, incluso, a suspensión de competicións, entre outras cuestións”.