José Ramón de la Fuente explicou que, “o pasado mércores 25, a sede do Partido Popular de Santiago foi obxecto de actos de vandalismo por un grupo de persoas, que se dedicaron a arrancar os carteis con información política propiedade do PP que estaban alí expostos, así mesmo, deixaron a reixa e a entrada invadida de carteis, pegatinas e mensaxes propias”.
Pola súa banda, Adrián Villa remarcou que “a pesar das imaxes e vídeos que puidemos ver todos, o goberno do BNG non condenou este ‘escrache´ á nosa sede e, o que é máis preocupante, non o condenou ante o Pleno municipal, polo que a alcaldesa perdeu unha magnífica oportunidade de exercer como representante de todos e de condenar os actos violentos que sufriu o Partido Popular, pero non quixo facelo”.
De la Fuente tamén insistiu en que “as imaxes son claras, non deixan lugar a dúbidas, posto que permiten visualizar como se concentran varias persoas, que portan bandeiras e material coa imaxe do BNG e da CIG, como arrancan a cartelería na porta e na situación que deixan a entrada a nosa sede”.
“Esiximos ao BNG -reiterou Villa- que indague se as persoas que se concentraron diante da sede do PP pertencen ao seu partido e, neste caso, as identifique e o poña en coñecemento da Policía Nacional, así mesmo, se esas persoas son militantes do BNG, reclamámoslle que as expulse da súa organización”.
Para o popular, “tratouse dun claro intento de intimidación política e estas accións supoñen unha evidente vulneración da convivencia democrática, se pretendían amedrentarnos, se equivocan, xa que feitos coma este non fai máis que reafirmar o noso compromiso coa defensa dos valores democráticos e co respecto do pluralismo político, ademais fortalecen a nosa vontade de seguir traballando pola veciñanza e a cidade de Santiago”.